JOSQUIN DESPREZ. No Divino Apousento: Josquin en cifras para cantar e tanxer (ARMONÍA CONCERTADA)

Data
Venres, 21 de outubro de 2022
Horario
20.00h
Lugar
Teatro Principal
Máis información

Entrada individual: 10€+gastos de xestión

Abono 4 concertos: 35€+gastos de xestión

Venda de entradas

Web Ateneo Barroco

Anexos
PROGRAMA
Compartir

JOSQUIN DESPREZ
No Divino Apousento: Josquin en cifras para cantar e tanxer
ARMONÍA CONCERTADA
MARÍA CRISTINA KIEHR  soprano
JONATAN ALVARADO  tenor
ARIEL ABRAMOVICH  vihuelas de man
Teatro Principal
Venres 21 outubro 2022
20.00h

Recoñecido como un dos compositores máis célebres do Renacemento europeo, a súa técnica e recursos de expresión levárono a ser considerado o maior compositor da súa época polos seus contemporáneos. Aínda que a súa biografía non achega moitos datos da súa personalidade nin da súa vida, o compositor renacentista franco-flamenco Josquin Desprez (ca. 1450 - 1521) proxectou unha magnífica influencia coa súa obra sacra e laica, misas, motetes e chansons; cancións que, co gallo do quinto centenario do seu falecemento, reúnen e reinterpretan con rigor, información e imaxinación os tres músicos de orixe arxentina que forman Armonía Concertada: músicos comprometidos, sensibles e especializados como o vihuelista Ariel Abramovich e o tenor Jonatan Alvarado xunto á extraordinaria soprano, referencia absoluta nos períodos renacentista e barroco temperán, María Cristina Kiehr.

PROGRAMA

JOSQUIN DESPREZ (ca. 1450 - 1521)

Nymphes, nappés, a 6
Kyrie, da Missa Fortuna Desperata, a 4  
Praeter rerum seriem, a 6  

Mille regretz. A canción do Emperador do quarto tono de Josquin, a 4 *
Benedictus, de Missa Mille Regretz de Morales, a 3 **
Confiteor, do Credo da Missa l’Homme Armé, a 4

Kyrie, da Missa Adieu mes Amours (Peñalosa), a 4
Fantasía do primeiro ton, a 4 *

O intemerata virgo, a 4
Stabat mater dolorosa, a 5

Nymphes des bois, a 5

Todas as versións pertencen a Armonía Concertada, excepto: 
* Luys de Narváez. Los seis libros del Delfin de Música (Valladolid, 1538)
** Miguel de Fuenllana. Orphenica Lyra (Sevilla, 1554)

A nova música de finais do século XV e principios do XVI produciuse exactamente ao mesmo tempo que o renacemento humanista, cando as explicacións de Platón sobre o perfecto equilibrio do universo foron recibidas con entusiasmo a través das traducións de Ficino de textos recentemente redescubertos. Isto reforzou a visión humanista do valor da música como a linguaxe ideal para entender o cosmos, a música das esferas e a orde do universo. Aplicado directamente á natureza do ser humano, foi interpretada como a necesidade de perfeccionarse a través dun equilibrio perfecto e proporcionado entre o corpo e a alma. Non cabe dúbida de que os intelectuais eran moi conscientes da simbiose entre as crenzas humanistas e a fe cristiá e do poderoso papel da música como medio para entendela e sentila. 
A busca da salvación e a eternidade esixía introspección e soidade. En gran medida a música era unha actividade comunitaria pero a percepción da música era intensamente persoal. Os compositores nados a mediados do século XV, especialmente os dos Países Baixos, ían crear un novo estilo musical que dominaría o son da música eclesiástica durante máis dun século e que se estendería á maioría dos demais xéneros da sofisticada música culta, xa sexa vocal ou instrumental. Josquin Desprez (c.1440-1521) converteuse no epítome deste estilo, o emblema dunha forma de música polifónica baseada en principios de contrapunto imitativo que soaba como a vida eterna mesma e que sería un modelo iluminado para todos os que seguiron.
A fama de Josquin coñécese a través das testemuñas escritas dos seus contemporáneos e sucesores pero apréciase máis claramente na rápida difusión da súa música por toda Europa. Josquin deuse a coñecer en España durante o mesmo período e, tal foi a súa fama eventual, que o teórico Juan Bermudo, ao dar consellos aos vihuelistas na súa Declaración de instrumentos musicais (1555), non sentiu a necesidade de dar longas explicacións senón que se limitou a referirse a el como "o gran músico Josquin co que comezou a música" coma se fora o fundador da música moderna. Entre a gran cantidade de polifonía vocal arranxada para a vihuela –case o sesenta por cento de toda a música para vihuela que se conserva– figura Josquin por enriba de calquera outro autor. 
É salientable a capacidade de Josquin de crear música notablemente expresiva aínda que coidadosamente contida. Isto é máis evidente en obras que tenden ao extremo melancólico do espectro emocional, onde as súas obras son sublimemente evocadoras. Dende un punto de vista diferente poderíamos centrarnos na capacidade de Josquin para equilibrar as dimensións arquitectónicas e retóricas da súa música. Por unha banda, as obras de Josquin están invariablemente construídas cun equilibrio e proporción equivalente ao máis perfecto monumento arquitectónico e con simetrías internas que se identifican co mellor de calquera artista da época. En canto á retórica e á capacidade de Josquin de argumentar persuasivamente a través da música, a súa capacidade de crear melodías e texturas que concordan estreitamente co significado dos seus textos é plenamente evidente, xunto coa súa capacidade de ir máis alá do momento individual en calquera obra cara á confección do discurso argumentativo dentro de estruturas arquitectónicas proporcionais. Esta é a dimensión da súa música que realmente gañou a estima dos seus contemporáneos e sucesores.
Normalmente en contornas litúrxicas ou cortesás a música de Josquin teríase cantado habitualmente con un, dous ou quizais tres cantantes por cada voz. Son os ambientes onde frecuentemente se terían escoitado as súas obras, de acordo coa forma en que foron concibidas. Con todo, non sempre foi posible escoitalas deste xeito e debemos recorrer a fontes contemporáneas para atopar evidencia dos modos alternativos de interpretación que existían. En España os libros de vihuela oriéntannos cara a estas outras opcións nas que a textura polifónica orixinal se reduce á vihuela e unha ou dúas voces cantadas. A proposta de Armonía Concertada baséase principalmente nesa configuración, representada claramente nas fontes e comprobable a través de documentos de testemuños. Cantar á vihuela era unha práctica moi estendida, especialmente de cantantes que se acompañaban a si mesmos coa vihuela. 
Non cabe dúbida de que ditas prácticas achegan a escoitar a música que engalanaba os apousentos privados da nobreza española, os salóns da burguesía acomodada, os costumes musicais dentro das academias intelectuais ou as prácticas recreativas musicais do clero en comunidades tanto masculinas como femininas. Como paisaxe sonora, imaxinaria ou real, achégannos á esencia de Josquin e á súa música. Para calquera oínte, escoitando a un conxunto vocal nunha capela ou catedral ou a un grupo íntimo de instrumentos e voces en calquera outro lugar, o son inmortal de Josquin servía como o anticipo perfecto á dita eterna do seu propio porvir.*
* adaptación do texto do programa de John Griffiths

ARMONÍA CONCERTADA
Armonía Concertada non é senón unha factoría de ucronías, de precuelas e secuelas, de reconstrucións… Unha invitación a percorrer unha paisaxe inexistente, construída a partir de datos reais, de indicios e de testemuñas fiables. A voz fundida entre as cordas pulsadas recupera o eco das palabras de Castiglione no seu libro El Cortesano de 1528: “Mas por lo que yo estoy mejor con el cantar con una vihuela, es por lo que vulgarmente llamamos recitar, el cual da tanta gracia y fuerza a las palabras, que es maravilla”. Nas antípodas do trillado, Armonía Concertada non só revisita o pasado musical senón que intervén no texto, producindo edicións propias, creando un repertorio inédito fundado no rigor musicolóxico, tanto como na imaxinación.

MARÍA CRISTINA KIEHR soprano
Grazas á maxia que exerceu sobre ela o repertorio vocal da chamada música antiga –máis precisamente a do período renacentista e o barroco temperán–, María Cristina Kiehr cambiou o seu apaixonado estudo do violín polo do canto. Dende o seu Tandil natal chegou, non sen pasar dous anos iniciáticos en Bos Aires, á Schola Cantorum Basiliensis, meca daquela nestes repertorios. En Basilea, da man do seu mestre René Jacobs, adquiriu os coñecementos fundamentais para iniciarse na vertixinosa vida que supuxo consagrarse á música. Tivo o privilexio de compartir música e escenarios míticos con grandes intérpretes, algúns considerados hoxe pioneiros da música antiga, como Nikolaus Harnoncourt, René Jacobs, Frans Brüggen, Chiara Banchini, Philippe Herreweghe, Jordi Savall e Christophe Coin, entre moitos outros. Simultaneamente, como cofundadora do Daedalus Ensemble, do cuarteto vocal La Colombina e de Concerto Soave xunto a Jean-Marc Aymes, afianzou a súa identidade artística, o que lle permitiu tamén explorar outros horizontes musicais. Estreou obras contemporáneas, en parte dedicadas a ela, e actualmente participa en novos proxectos musicais xunto ao vihuelista Ariel Abramovich (Armonía Concertada) e os guitarristas Pablo Márquez (clásica) e Krishnasol Jiménez Moreno (barroca). 

JONATAN ALVARADO  tenor
Nado en Mercedes, provincia de Bos Aires, deu os seus primeiros pasos na clase de guitarra do conservatorio e nos coros municipais de Mercedes, dirixidos por Amalia Guaragna, realizando a continuación as carreiras de Dirección Orquestral, Dirección Coral e Composición na Universidad Nacional de La Plata. En 2011 trasladou a súa residencia a Holanda, onde se licenciou con honras en canto (na especialidade de Música Antiga) e en laúde no Conservatorio de Ámsterdam, nas clases de Xenia Meijer e Fred Jacobs, respectivamente. A súa especialización en repertorio medieval e renacentista desenvolveuse baixo a guía da Dra. Rebecca Stewart. É director musical e cofundador, xunto ao portugués Nuno Atalaia, de Seconda Pratica, conxunto especializado na interpretación da música iberoamericana dos séculos XV a XVII. Tamén é membro de Da Tempera Velha e de Sollazo Ensamble e colabora regularmente co laudista Ariel Abramovich. O seu primeiro compacto como solista, Pajarillos Fugitivos (Ayros 2018), foi nomeado nos International Classical Music Awards na categoría de Mellor Álbum Vocal de Música Antiga. A inquietude musical ecléctica de Jonatan Alvarado amplía a súa actividade artística a proxectos completamente dispares, sempre baixo o denominador común do traballo a partir de fontes historicamente informadas e o emprego de instrumentos históricos, como a recuperación dos cancioneiros inéditos do exilio republicano español xunto a Samuel Diz, a interpretación do tango e a canción arxentina de principios do século XX ou a recuperación do arquivo musical medieval da Catedral de Tui.

ARIEL ABRAMOVICH  vihuelas de man
Abraiado por unha fantasía de Luys de Narváez, decide, aínda adolescente, a súa exclusiva dedicación ao repertorio para laúde e vihuela do século XVI, decisión que mantén até hoxe sen arrepentimento.En 1996 trasládase a Suíza para estudar co seu mestre e mentor, Hopkinson Smith, na Schola Cantorum Basiliensis. Máis tarde, visitará ao mestre Eugène Ferré en Francia, quen lle ofrecerá unha ollada moi especial do instrumento e da súa música.En 1998 funda xunto ao altus José Hernández-Pastor o dúo El Cortesano, proxecto musical dedicado ao repertorio dos vihuelistas españois; gravan en 2001 o primeiro disco dedicado enteiramente ao vihuelista Estevan Daça e, en 2008, dedican un segundo disco ao vihuelista salmantino Diego Pisador.En 2008 emprende outro proxecto a dúo xunto ao tenor británico John Potter, revisitando a literatura de "lute songs" inglesas.En 2011 funda Alternative History xunto a Anna Maria Friman e Jacob Heringman, con quen grava para o selo ECM un primeiro disco, Secret History, publicado en 2017. En 2015 ECM publicou a segunda gravación do cuarteto, Amores Pasados, para o cal músicos como Tony Banks (Genesis), Sting ou John Paul Jones (Led Zeppelin) contribuíron con obras inéditas e/ou escritas especialmente para este proxecto. En 2013 funda coa soprano María Cristina Kiehr o dúo Armonía Concertada, dedicado á literatura italiana e ibérica para voz e corda pulsada do século XVI. En 2019 o selo Arcana publica o primeiro disco do dúo que, co título Imaginario: de un libro de música de vihuela, constitúe a primeira reconstrución dun caderno para cantar acompañado á vihuela, e en 2021 a discográfica Glossa edita o seu segundo álbum, con intabulacións de Josquin Desprez. Con Jacob Heringman, tamén especialista no Renacemento, comparte un proxecto dedicado a intabulacións para laúdes e vihuelas e gravou o disco Cifras Imaginarias publicado en 2017 por Arcana. Na actualidade comparte proxectos a dúo coa soprano francesa Perrine Devillers e co tenor arxentino Jonatan Alvarado e, ademais, é membro fundador do ensemble Da Tempera Velha.