Proxección da película «O prado das estrelas» de Mario Camus
- Data
- Martes, 30 de abril de 2024
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O martes, 30 de abril, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4-2º, Santiago de Compostela) a proxección da película «O prado das estrelas» (El prado de las estrellas). Esta proxección, comprendida dentro do Ciclo «O cine social e político de Mario Camus» do Cineclub Ateneo, estará presentada e comentada por José Manuel González Herrán, Catedrático de Literatura Española e Profesor emérito da USC.
O prado das estrelas (El prado de las estrellas)
Director: Mario Camus
España, 2007
Alfonso (Álvaro de Luna) é un xubilado que visita a Nanda (Mari González), unha anciá que o criou cando quedou orfo, nunha residencia na que traballa Luisa (Marian Aguilera), unha moza asistente social. Unha mañá, recollendo caracóis no Prado das Estrelas, Alfonso atópase cun rapaz que aparece de entre a néboa na súa bicicleta (Óscar Abad). A partir de entón, xurde unha amizade entre o vello mestre e a nova promesa do ciclismo. Apoiado polos seus amigos, Alfonso fará de Martín, sen equipo nin patrocinadores, non só un gran campión senón tamén unha gran persoa.
José Manuel González Herrán, Catedrático de Literatura Española e Profesor Emérito da Universidade de Santiago de Compostela, é conferenciante e Profesor invitado en Universidades españolas e estranxeiras. Ten publicado ou editado varias monografías, edicións críticas e anotadas, volumes colectivos, etc. sobre autores españoles dos séculos XVIII, XIX e XX. Entre 1994 e 2016 dirixiu na USC un grupo de investigación encol Emilia Pardo Bazán. É membro dos consellos editoriais e comités científicos de revistas e editoriais da súa especialidade e Académico correspondente da Real Academia Galega.