Mesa redonda «Repensar o turismo en Santiago» con Xosé Santos Solla e Francisco Candela

Data
Luns, 6 de maio de 2024
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compostela
Compartir

O luns, 6 de maio, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha mesa redonda titulada «Repensar o turismo en Santiago», na que participarán Xosé Santos Solla, Catedrático de Xeografía Humana da USC, e Francisco Candela, Economista.

Xosé Manuel Santos Solla é Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (1985) e Doutor en Xeografía pola mesma Universidade (1990). As súas liñas de investigación céntranse no turismo e a xeografía do turismo, áreas nas que realizou numerosos proxectos como «Transformaciones del paisaje urbano histórico inducidas por el turismo: contradicciones y controversias, gobierno y gobernanza local» (2016), «Red para el estudio de las ciudades europeas postcrisis» (2015), «Estudo sobre a demanda turística en Santiago de Compostela» (2014) ou «Observatorio do Camiño de Santiago» (2009 e 2010), entre outros. Do mesmo xeito, ten publicados unha extensa cantidade de libros e artigos en varias linguas como Modelos de gestión: soluciones institucionales para las ciudades históricas (2006)Desarrollo turístico sostenible en ciudades históricas (2005), «O turismo urbano en Galicia» en A Galicia urbana (2015), «The way of Saint James: a contemporary geographical analysis» en The Changing World Religion Map (2015), «Coyuntura de las comunidades autónomas: Galicia» en La actividad turística española en 2012 (2013), «Paisagens vitivinícolas e desenvolvimento do enoturismo na Galiza» en Actas do primeiro congresso internacional Vinhas e Vinhos (2012), «Santiago de Compostela: vom urbanen modell zum touristichen modell» en Die anderen städe (2006) ou «Le vignoble en Galice depuis les reserches de A. Huetz de Lemps jusqu’á l’actualité» en Des vignobles et des vins á travers le monde (1996), entre outros.

Francisco Candela Castrillo, Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Barcelona, foi membro do Colexio de Economistas de Galicia. Como profesor de Economía Financeira da USC, organizou un Curso de Posgrao sobre Dirección e Xestión de Empresas Turísticas, dirixiu e coordinou o Curso «O impacto do euro sobre o turismo», organizado pola Escola Oficial de Turismo e a USC, e elaborou os estudos «O turismo en Santiago de Compostela: fórmulas de xestión municipal para a promoción turística», encargado polo Concello de Santiago, e «Avaliación do impacto do turismo termal na creación de emprego en Galicia», encargado pola Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, ademais de crear a Asociación de Estudos Turísticos, da que foi nomeado Presidente, e ser membro da Asociación de Expertos Científicos en Turismo (AECYT) e da Comisión Científica da España Verde, constituída por Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, organizando as Conferencias internacionais sobre «Turismo e desenvolvemento sustentable na España Verde». Foi Director Xeral de Política Turística do Ministerio de Transportes, Turismo e Comunicacións do Goberno de España así como Tenente de Alcalde e Concelleiro delegado de Turismo de Santiago de Compostela dende 1999 ata 2007. Durante este último cargo puxo en marcha Incolsa-Turismo de Santiago como ente de xestión turística así como o Observatorio turístico (sistema de información turística); creou COMPOSTUR (primeiro turoperador local), o Festival Curtocircuito, o Foro Gastronómico de Santiago, o Santiago de Compostela Convention Bureau e a Santiago de Compostela Film Comission, impulsando o proxecto europeo «Cidades de cine» xunto con Salamanca, San Sebastián, Porto e Biarritz, uníndose posteriormente Tesalónica e Venecia; elaborou o Plan de Excelencia e Dinamización Turística de Santiago de Compostela; foi membro da Comisión de Turismo da Federación Española de Municipios e Provincias, Presidente do Spain Convention Bureau, Vicepresidente do Consello de Destinos Turísticos da OMT e representante ante o Consello Promotor do Turismo Español; impulsou a constitución do Centro de Estudos Turísticos da USC; realizou Seminarios e Xornadas dedicados a profesionais do sector; xestionou a captación de liñas aéreas para o aeroporto de Santiago (Ryanair, Air Berlin, Vueling, Air Lingus, entre outras); e dirixiu o Programa de Desenvolvemento Turístico da cidade china de Qu Fu, Patrimonio da Humanidade. Como profesional do turismo e Director do Gabinete de Economía e Xestión Turística, asesorou aos Concellos de Ferrol e Pontevedra así como o Programa europeo de rutas culturais «Follow the vikings»,, impartiu conferencias, elaborou o informe técnico «Estudo de modelos de xestión de Convention Bureau» para a Comisión de Turismo da Federación Española de Municipios e Provincias, dirixiu o Foro «Turismo e identidade» do Museo do Pobo Galego e os cursos de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo e foi profesor do curso «Xestión pública do turismo». Nomeado en 2017 polo Secretario Xeral da OMT como asesor do programa UNWTO.QUEST, entre as súas publicacións destaca a obra Municipio, turismo y sostenibilidad (2017). 

Próximos eventos Ver axenda