Ciclo «Cinema, Doc, Música» (Ateneo Barroco 2023)
- Data
- Martes, 3, 17 e 24 de outubro de 2023
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso gratuíto ata completar a capacidade da sala
Como ilustrativo complemento didáctico, o Festival Ateneo Barroco volve achegar unha serie de sesións cinematográficas e documentais. Relacionados directa ou indirectamente cos programas, estes filmes enriquecen os contidos do Festival e ofrecen unha panorámica suplementaria de aspectos musicais, de eventos históricos, de personaxes, en resumo, de historias do Barroco e as súas músicas, filtradas a través da visión de cineastas, músicos, artistas, escritores, musicólogos e especialistas.
As tres sesións desta quinta edición do Festival Ateneo Barroco (con entrada libre até completar a capacidade na sede de Afundación, na compostelá rúa do Vilar) arrancan coa proxección de De Occulta Philosophia, un filme documental dirixido por Daniel V. Villamediana en 2012 que, un decenio despois da súa rodaxe e un percorrido por prestixiosos festivais, se reafirma como un singular e valioso documento sobre a música barroca e a busca do coñecemento que hai tras ela. Fará a introdución á proxección de De Occulta Philosophia o director musical do filme, Andrés Alberto Gómez, versátil músico, programador e escritor albaceteño cunha salientable presenza nesta edición do Festival Ateneo Barroco.
Protagonista da particular segunda das sesións da achega arredor da música e o cinema, será o compostelán Manuel Vilas, outro músico de gran versatilidade, incansable investigador, sensible artista e magnífico arpista. Nunha sesión que vén enriquecer e complementar o concerto que poucos días despois ofrecerá xunto á cantante tradicional Vanesa Muela, Manuel Vilas, a partir dunha escolma de material visual e escrito, cinematográfico, videográfico, musical, etc., intentará reflexionar sobre algúns aspectos transcendentes da música tradicional hispana e poñer en evidencia a profunda débeda que a chamada música clásica ten coas músicas da tradición.
Para rematar esta variada achega de “Cinema, Doc, Música...” do Festival Ateneo Barroco 2023 que ten ao intérprete como foco da súa programación, proxéctase Farinelli, il Castrato, un filme dirixido polo belga Gérard Corbiau en 1994 e inspirado na vida de Carlo Broschi, personaxe que, baixo o alcume de Farinelli, chegou a ser probablemente o cantante de ópera máis afamado da súa época e se transformou nun mito cuxa lenda continúa vixente hoxe en día. Case tres decenios despois da estrea, Farinelli, il Castrato, filme merecedor de gran difusión e de numerosos e prestixiosos galardóns, converteuse nunha das referencias cinematográficas imprescindibles do mundo da música barroca.
DE OCCULTA PHILOSOPHIA
DANIEL V. VILLAMEDIANA director
ANDRÉS ALBERTO GÓMEZ director musical
Filme, 72’. 2012
Rúa do Vilar, 19
Martes 3 outubro 2023
19.00h
De Occulta Philosophia é unha película sobre a música barroca e a busca do coñecemento que hai tras ela. Unha música que continúa sendo actual porque busca expresar emocións e ideas universais coas que se pretende persuadir ao ouvinte até o punto da conmoción total. O grupo La Reverencia ensaia e interpreta en Liétor, unha vila de Albacete cuxas igrexas posúen unha acústica única en España grazas á súa peculiar orografía, un extraordinario repertorio do barroco alemán (Buxtehude, Tunder, Becker e Bach), ademais de composicións de Couperin e Monteverdi, á vez que dialoga e afonda sobre o sentido e a filosofía que subxace tras a música antiga. Interpretacións musicais, diálogos entre os músicos e con especialistas en retórica musical como Rubén López Cano, póñense en paralelo coa construción dun clave por un dos mellores luthiers do mundo, Titus Crijnen. Un instrumento que, peza a peza, igual que a película, plano a plano, irá desvelando os seus misterios. DeOcculta Philosophia é un filme sobre o proceso de creación da música, dende a creación do instrumento, os ensaios de La Reverencia, até a posta en escena das pezas. A película convértese así nun exercicio sobre como a música pode ser filmada, transformando o espazo sonoro nun espazo cinematográfico, no que os instrumentos dialogarán entre si e co mundo. Unha música conmovedora e efémera, que morre tras cada nota, e que o cinema garda para si. De Occulta Philosophia foi seleccionada en varios festivais internacionais de cinema, entre eles, Bos Aires (BAFICI 2013), Marsella (FID Marseille 2013) ou Sevilla (SEFF 2013). O selo Cameo editouna en formato DVD.
A TRADICIÓN OCULTA
MANUEL VILAS
Rúa do Vilar, 19
Martes 17 outubro 2023
19.00h
Unha das grandes materias pendentes da investigación sobre música tradicional hispana é buscar respostas a varias preguntas relacionadas co pasado: Que música/s se facía/n nas nosas aldeas nos séculos do XVI ao XVIII? Como cantarían eses homes e mulleres? E de que diversas maneiras? Como facían os romances do século XVI? E as cancións de sega, festas, recollida dos máis diversos alimentos? E os cantos de voda ou Nadal? Como influíu a música de tradición na chamada culta? E ao contrario? Preguntas sen resposta que merecen a nosa atención. Nesta charla, Manuel Vilas fai unha escolma de material escrito e visual, cinematográfico, videográfico, musical, etc., coa intención de reflexionar sobre este punto e poñer en evidencia a profunda débeda que a chamada música clásica ten coas músicas de tradición.
FARINELLI, IL CASTRATO
Gérard Corbiau. 1994
Filme, 110’
Rúa do Vilar, 19
Martes 24 outubro 2023
19.00h
Farinelli, il Castrato, un filme dirixido polo belga Gérard Corbiau en 1994 que se fixo merecedor de gran difusión e de numerosos e prestixiosos galardóns, mesmo chegou a ser nomeado para o Óscar á mellor película estranxeira, converteuse, case tres decenios despois da súa estrea, nunha das referencias cinematográficas imprescindibles do mundo da música barroca. O filme está inspirado na vida de Carlo Broschi, personaxe que baixo o alcume de Farinelli chegou a ser probablemente o cantante de ópera máis afamado da súa época, citado constantemente como o máis importante castrado de todos os tempos, e que se transformou nun mito cuxa lenda continúa vixente hoxe en día. A dirección musical do filme correu a cargo do director e clavecinista francés Christophe Rousset e a música foi interpretada pola súa orquestra de instrumentos orixinais Les Talens Lyriques. O actor Stefano Dionisi deu vida ao personaxe de Farinelli, cuxa voz para a banda sonora é froito da mestura dixital das voces de dous cantantes de ópera: a soprano polaca Ewa Malas-Godlewska e o contratenor estadounidense Derek Lee Ragin.