Conferencia «Jean-Philippe Rameau, retrato íntimo» de Andrés Alberto Gómez
- Data
- Luns, 9 de outubro de 2023
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso gratuíto ata completar a capacidade da sala
O luns, 9 de outubro, ás 19.30 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia titulada «Jean-Philippe Rameau, retrato íntimo», que estará impartida por Andrés Alberto Gómez, clavecinista especializado en música barroca, director do conxunto La Reverencia.
Esta conferencia pertence Festival ATENEO BARROCO de Música Antiga e Barroca, configurándose como unha actividade complementaria ao mesmo, un evento musical que se desenvolverá do 3 ao 25 de outubro en diferentes escenarios do patrimonio compostelán.
Jean-Philippe Rameau (1683-1764) representa o arquetipo dun músico elocuente, preocupado polas súas ideas, capaz de compoñer e teorizar sobre a música cun carácter pedagóxico e construtivo. No seu caso, o razoamento científico e filosófico arredor dos principios musicais enmárcase dentro dun século preocupado por ofrecer un coñecemento universal capaz de reflexionar sobre os aspectos máis específicos da arte. A visión que a historiografía ten ofrecido sobre Rameau como un dos tres piares fundamentais da música francesa coloca a súa obra nun lugar estratéxico que vencella a expresión individual a un progreso colectivo. En consecuencia, Rameau redefine unha visión reformista da arte para xerar un impulso natural que permite conducir a linguaxe musical cara ao seu próximo estímulo. Non é posible entender o século XVIII francés sen a figura de Jean-Philippe Rameau, quen serve de nexo de unión entre dúas perspectivas aparentemente afastadas: a antigüidade de Lully e o clasicismo de Gluck. A través dun texto fundamental publicado en 1766 baixo o título Éloge historique de Mr. Rameau, a figura de Jean-Philippe Rameau recibe un tributo que orienta ao lector cara a aspectos non só relacionados coa súa vida e obra senón tamén con elementos fortemente vencellados á estética musical francesa do século XVIII. O esforzo de Hugues Maret, autor da louvanza, suxire unha pregunta fundamental: Como é posible que a crónica máis importante sobre Rameau a teña feito un contemporáneo que era alleo ao mundo musical e que descoñecía todo sobre o compositor? Asombrosamente, o Éloge historique de Mr. Rameau pode considerarse como unha obra fundamental que ten servido como base para establecer posteriores estudos sobre a figura de Jean-Philippe Rameau, converténdose nun texto de referencia dende o momento da súa aparición.
Andrés Alberto Gómez é clavecinista, fundador e director do conxunto La Reverencia, cuxas actuacións se estenden por toda Europa. Tras os inicios musicais en Albacete con Arturo Moya e Jesús Mª. Díaz Valenciano, iníciase no clave cos profesores do Conservatorio Italiano de París Salvo Romeo e Patricio Pizarro, ampliando a súa formación con músicos como Jan Willen Jansen, Tony Millán, Yves Rechsteiner ou Huguette Dreyfuss. Rematou os seus estudos de clave e música antiga no Real Conservatorio da Haia (Holanda) como alumno de Jacques Ogg e na Escola Superior de Música de Cataluña ESMUC como alumno de Béatrice Martin, obtendo matrícula de honra e felicitación do xurado. En 2002 foi finalista do concurso de Xuventudes Musicais. Realizou gravacións para a Radio Holandesa, a Radiotelevisión Eslovena, WDR 3, Radio Cataluña, a Radiotelevisión Polaca e os selos Arsis, Passacaille, Dynamic, Tañidos e Vanitas. É fundador e director do ensemble La Reverencia. Actuou como solista e continuísta en España, Italia, Francia, Bélxica, Suíza, Holanda, Noruega, Grecia, Alemaña, Eslovenia, Polonia e Lituania, e xunto a conxuntos como Les Arts Florissants, Canto Coronato, La Guirlande, Armonía del Parnàs, Orquestra Barroca do Conservatorio da Haia ou a Orquestra Sinfónica de Oviedo, sendo dirixido por músicos como William Christie, Paul Dombrecht, Paul McCreesh, Roy Goodman, Richard Egarr ou Ton Koopman. É colaborador habitual dos grupos Tasto Solo, La Fura dels Baus e Divina Mysteria. En 2013 gravou, xunto con La Reverencia, De Occulta Philosophia, película-documental que xira arredor da música barroca e que foi seleccionada en numerosos festivais, entre os que cómpre salientar Bos Aires (BAFICI 2013), Marsella (FID Marseille 2013) e Sevilla (SEFF 2013). A súa discografía ten recibido as mellores críticas por parte da prensa especializada e en 2011 creou xunto a La Reverencia o seu propio selo discográfico, Vanitas, a través do cal presenta os seus proxectos. As súas gravacións son distribuídas internacionalmente por New Arts International e están presentes en toda Europa, América e Xapón. Entre a súa discografía cómpre salientar as Variacións Goldberg de Bach, que recibiron recoñecementos como 5 Muses (Muse Baroque), Disco Excepcional (Scherzo), 5 Diapasones (Diapason) e é a primeira versión das Variacións Goldberg gravada por un clavecinista español.