Conferencia «O desafío dunha crise ambiental acelerada e global» de Emilio Fernández Suárez
- Data
- Luns, 20 de maio de 2024
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O luns, 20 de maio, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha conferencia, organizada pola Sección Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente, titulada «O desafío dunha crise ambiental acelerada e global», que estará impartida por Emilio Fernández Suárez, Catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo.
Esta charla aspira a presentar o contexto ambiental presente mediante unha serie de indicadores que ilustran a magnitude e a escala dos cambios que experimenta o planeta dende a Revolución Industrial, para centrarse en particular nun dos máis coñecidos e relevantes no contexto actual, aínda que non o único, o relacionado coa crise climática asociada ás emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro de orixe antropoxénica. A análise da evolución histórica destas emisións e dos escenarios de cambio previsibles para o século presente permitirán enmarcar as posibles alternativas que aspiran a reverter a tendencia actual concentrando a atención na gran aposta estratéxica de Europa neste eido: o denominado Pacto Verde. Analizaremos o Pacto Verde para entender cales son os alicerces nos que se sustenta e cales as opcións que prioriza de xeito coherente coa ideoloxía que o inspira. Avaliaremos o seu grao de ambición, afondaremos no significado do loable obxectivo de neutralidade carbónica, analizaremos a compatibilidade entre a transición enerxética e o subministro de servizos polos ecosistemas e exploraremos a viabilidade da súa implantación no espazo temporal que sinalan os acordos asinados.
Emilio Fernández Suárez doutorouse en Bioloxía pola Universidade de Oviedo no ano 1990, obtendo o premio extraordinario. Realizou investigacións post-doutorais no Plymouth Marine Laboratory do Reino Unido e no Rosenstiel School of Marine and Atmospheric Sciences dos EEUU. En 1993 incorporouse ao Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo, para posteriormente acceder a unha praza de Profesor Titular Interino de Ecoloxía e posteriormente de Profesor Titular de Ecoloxía na Universidade de Vigo, sendo dende 2011 Catedrático desta Universidade. A súa investigación céntrase no eido da oceanografía biolóxica, en particular no estudo do fitoplancto mariño e a súa relación coa variabilidade da compoñente física, e no estudo das respostas do plancto microbiano aos aportes de materia, tanto en traballos desenvolvidos no laboratorio como en campañas desenvolvidas en distintas áreas do océano. Nos últimos anos estendeu a súa liña de investigación cara ao estudo dos ecosistemas litorais dominados por pradarías mariñas, o planeamento territorial sustentable e a economía circular. Estes estudos enmárcanse nos 32 proxectos de investigación nos que ten participado, financiados pola UE e os plans nacionais e autonómicos de Investigación e Desenvolvemento. Actuou como investigador principal en 20 destes proxectos, atopándose os resultados xurdidos destas investigacións recollidos en máis de 195 traballos dos que 147 están publicados en revistas científicas indexadas en JCR. A actividade de formación de investigadores concrétase na dirección de 7 Teses de Licenciatura, 23 Traballos de Fin de Grao, 28 Teses de Máster e 17 Teses de doutoramento, obtendo catro delas o premio extraordinario. Foi representante nacional no Comité executivo de Investigación Oceanográfica da UNESCO entre 1999 e 2005 e ten participado en comisións de expertos para a selección de proxectos de investigación da Xunta de Galicia, do Ministerio de Educación e Ciencia e na UE. Foi xestor do Programa de Ciencia e Tecnoloxía Mariña do Plan Estatal de Ciencia e Tecnoloxía dende 2014 ata 2018. Na actualidade preside a comisión de I+D de Ecoloxía e Biodiversidade da CCAA de Andalucía e, dende 2021, é colaborador da área internacional de Ciencia e Tecnoloxía Mariña da Axencia Estatal de Investigación. No ámbito da xestión académica, ocupou os cargos de secretario de departamento, Vicedecano e Comisionado do Campus Internacional “Campus do Mar” dende 2009 ata 2018 e entre 2005 e 2009 foi Director Xeral de Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia. Participou en comisións de acreditación de titulacións e de avaliación da investigación asociadas ás axencias correspondentes das comunidades autónomas de Andalucía, Baleares, Canarias e Cataluña. Dende xaneiro de 2024 preside a Comisión Estatal de acreditación para o acceso aos corpos de profesorado universitario de ANECA na área de Ciencias da Natureza.