Conferencia «Ezequiel e Xeremías: Novos documentos para a recuperación dos profetas do Mestre Mateo», de Francisco Prado-Vilar

Data
Luns, 2 de decembro de 2019
Horario
20.00h
Lugar
Rúa do Vilar, 19
Compostela
Compartir

O luns, 2 de decembro, ás 20.00 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia organizada pola Sección Compostela titulada “Ezequiel e Xeremías: Novos documentos para a recuperación dos profetas do Mestre Mateo”, que estará impartida por Francisco Prado-Vilar, Director de proxectos do Real Colexio Complutense de Harvard, incluído o programa A. W. Mellon para o Pórtico da Gloria. Só se permitirá o acceso á sala libre e gratuíto a partir das 19.55h ata completar a capacidade da mesma.



Dende principios do século XX, o Conde de Ximonde era posuidor de catro esculturas de profetas procedentes da desaparecida fachada exterior do Pórtico da Gloria. En 1948, dúas destas esculturas —as efixies de Ezequiel e Xeremías, deseñadas polo Mestre Mateo para a entrada sur do Pórtico— foron vendidas ao Concello de Santiago. As dúas restantes, que representan aos profetas Enoc e Elías, foron adquiridas polo Museo de Pontevedra en 1955, onde se atopan na actualidade. Nalgún momento durante as celebracións do Ano Santo de 1954 os profetas do Concello foron cedidos a Franco para decorar o xardín do Pazo de Meirás, sen mediar documento de cesión ou venda legal.  A pesar diso, os profetas pasaron a formar parte do patrimonio da familia Franco. Recentemente o Concello de Santiago interpuxo unha demanda para recuperalas, pero foi desestimada por falta de probas. O caso está agora en fase de apelación.

Nesta ponencia preséntase evidencia documental e fotográfica inédita sobre o periplo destas esculturas no século XX que proban a propiedade do Concello e as manobras do contorno de Franco para sortear as trabas legais para apropiarse delas. Tamén se ofrece unha visión caleidoscópica dunha das historias máis fascinantes arredor do noso patrimonio —a da procura e recuperación para Galicia da colección do Conde de Ximonde— que inclúe aspectos novos da apreciación histórico-artística destas obras mestras no seu lugar orixinal na fachada mateana, e das actuacións dos principais axentes na xestión e defensa do patrimonio no século XX, como Manuel Chamoso Lamas, Xosé Filgueira Valverde, así como de alcaldes de Compostela como Sarmiento Garra.

Francisco Prado-Vilar é Director de proxectos do Real Colexio Complutense de Harvard, que inclúe o programa de investigación Andew W. Mellon para o Pórtico da Gloria. Obtivo a licenciatura en Historia da Arte na USC e o Doutoramento na Universidade de Harvard. O seu traballo como investigador está centrado na arte e na cultura medievais de Europa.

 

Próximos eventos Ver axenda