Presentación do libro «O idioma galego baixo o franquismo» de Henrique Monteagudo

Data
Mércores, 9 de marzo de 2022
Horario
19.30h
Lugar
Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19)
Máis información

A entrada será libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O mércores, 9 de marzo, ás 19.30h, terá lugar na sede de Afundación, situada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do libro O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización de Henrique Monteagudo. No acto participarán:
   - Henrique Monteagudo, autor da obra
   - Lourenzo Fernández Prieto, Catedrático de Historia Contemporánea da USC
   - Marilar Aleixandre, escritora
   - Xosé Ramón Pousa, directivo do Ateneo de Santiago

Esta obra, continuación da Historia social da lingua galega, ofrece unha aproximación de conxunto ao período franquista. Nela analízase a política lingüística represiva da ditadura, consistente na imposición coactiva do castelán e na marxinación sistemática do galego, e aténdese ás dinámicas sociais que abocaron a un proceso de substitución masiva do galego. O seu foco sitúase na resistencia político-cultural galeguista, nomeadamente, na súa estratexia dirixida a constituír un sistema cultural autónomo, co idioma como o seu elemento definidor. Analízanse os avances conseguidos no estudo, cultivo e elaboración do galego e os debates públicos que se desenvolveron ao redor de todas estas cuestións.

Henrique Monteagudo é profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e vicesecretario da Real Academia Galega. Tamén é codirector de Grial. Revista de Cultura Galega e membro do padroado da Fundación Penzol. No pasado foi coordinador da Sección de Lingua e secretario do Consello da Cultura Galega. As súas principais liñas de investigación son a historia da lingua, sociolingüística e glotopolítica. Estudou e editou textos galegos de todas as épocas, dende a Idade Media ata a actualidade e coordinou a edición das Obras de Castelao e de Martín Sarmiento, estudoso da súa biografía e obra.


NOTA: Esta actividade enmárcase no programa Cultura por alimentos de Afundación, a Obra Social ABANCA, en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia. Convidamos a todos os asistentes a colaborar con esta campaña solidaria mediante a doazón de alimentos non perecedoiros, os cales se poderán depositar na entrada da sede da Rúa do Vilar.

Próximos eventos Ver axenda