Hemeroteca

H. Monteagudo presenta no Ateneo unha obra sobre a represión da lingua galega

O profesor estrea no espazo cultural de Santiago un novo traballo sobre a coacción lingüística na ditadura

Compartir

 

Santiago. Hoxe no Ateneo de Santiago preséntase o novo libro do profesor Henrique Monteagudo: O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización. O acto comezará ás 19.30 horas na sede de Afundación, na Rúa do Vilar, 19. Nesta obra, Monteagudo analiza a política lingüística represiva da ditadura, que consistiu na imposición coactiva do castelán e na marxinación sistemática do galego. Do mesmo xeito, o libro atende ás dinámicas sociais que abocaron a un proceso de substitución masiva do galego. Henrique Monteagudo é profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago, vicesecretario da Real Academia Galega e codirector de Grial. Revista de Cultura Galega. As súas principais liñas de investigación son a historia da lingua, a sociolingüística e a glotopolítica.

Esta actividade, en colaboración con Afundación, enmárcase dentro do programa Cultura por alimentos, co obxectivo de contribuír, a través de doazóns, a incrementar os recursos dos Bancos de Alimentos de Galicia. Así, o Ateneo convida a todos os asistentes a colaborar con esta campaña mediante a doazón de alimentos non perecedoiros. O autor estará acompañado polo Catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, a escritora Marilar Aleixandre e o directivo Xosé Ramón Pousa. REDACCIÓN

Ler en El Correo Gallego

Eventos relacionados