Conferencia «Falsos mitos en alimentación. A Dieta Atlántica, un seguro de saúde», de Rosaura Leis

O luns 9 de decembro ás 20.00 horas o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela unha conferencia organizada pola Sección Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente titulada “Falsos mitos en alimentación. A Dieta Atlántica, un seguro de saúde”, que estará impartida por Rosaura Leis, Profesora Titular de Pediatría da USC. Só se permitirá o acceso á sala libre e gratuíto a partir das 19.55h ata completar a capacidade da mesma.

A Dieta Atlántica caracterízase por abundancia de alimentos de temporada, locais, frescos e minimamente procesados, e de alimentos procedentes de plantas; abundante consumo de peixes, moluscos e crustáceos, principalmente de mar pero tamén de río; consumo moderado de lácteos, carne, ovos e sobremesas compostas principalmente de fariña, ovos e froitos secos; uso de salsas con baixa carga enerxética e alta calidade graxa (allada); abundancia de auga de mananciais, moitos cun perfil saudable de minerais; consumo moderado de viño, normalmente en comidas; uso preferente de aceite de oliva para aliñado e para cociñar; preparación culinaria preferentemente ao vapor, cocción, forno, prancha e guisado máis que fritura; sinxeleza e enxeño na preparación; e orixinalidade na asociación de alimentos.

O estilo de vida atlántico, alimentación, elevada actividade física e baixa inactividade, xunto coa mellora sanitaria e dispoñibilidade universal dos servizos sanitarios e sociais, fixeron dos nosos maiores unha das poboacións máis lonxevas do mundo. O reto a conseguir é manter estes hábitos para que o nosos fillos cheguen a vivir tanto tempo e, cando menos, coa mesma calidade de vida que os seus avós. Para que isto sexa posible debemos implicarnos todos, os individuos, as familias e as escolas, a comunidade, os sanitarios, a industria, as ONGs, os medios de comunicación e as autoridades sanitarias e políticas para sentar as bases dunha adecuada formación e información en saúde.

Rosaura Leis é Presidenta do Comité Científico da Fundación Dieta Atlántica da USC, da que é acérrima defensora, Vicepresidenta da Sociedade de Nutrición e Dietética de Galicia e coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica da Área Asistencial de Pediatría da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago. Tamén é Investigadora Principal do Grupo de Investigación C22 Nutrición Pediátrica do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS) así como do Grupo de Investigación Nutrición, Crecemento e Desenvolvemento Humano de Galicia (GALINUT) e membro do Ciber de Fisiopatoloxía da Obesidade e a Nutrición (CiberObn), do Comité de Nutrición da Asociación Española de Pediatría e da Directiva da Sociedad Española de Gastroenterología, Hepatología y Nutrición Pediátrica. É autora de máis de 100 libros e capítulos de libros e máis de 100 artigos en revistas internacionais e dirixiu máis de 20 teses doctorais.

 

Próximos eventos Ver axenda