Hemeroteca

Este luns celébrase o Día das escritoras

O Ateneo de Santiago e as Bibliotecas da Xunta de galicia celebran este luns o Día das escritoras con charlas e mostras bibliográficas.

Compartir

 

O Día das escritoras naceu co obxectivo de poñer en valor o legado cultural das autoras literarias ao longo da historia. Este luns chega a súa sexta edición impulsada pola Biblioteca Nacional de España, xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias, e á Asociación Clásicas e Modernas.

En Compostela a Biblioteca Pública Ánxel Casal súmase ao Día das escritoras co recital para público adulto Palabra de muller, que terá lugar ás 19,30 horas. Coordinado por Lisístrata, persoas representativas da cultura e a sociedade galega poranlles voz ás escritoras homenaxeadas nesta efeméride, baixo a lenda Ler as idades da vida. Trátase así de darlle visibilidade e difusión ao seu legado cultural, lembrar as dificultades ás que tiveron que enfrontarse e poñer en valor o esforzo cotiá das mulleres. As persoas interesadas en asistir poden retirar o convite desde unha hora antes no mostrador de información.

A conmemoración continúa mañá martes ás 18,00 horas co xogo de fuga Aventuras literarias con nome de muller, a cargo de Xandobela. A través del, nenos e nenas a partir de 6 anos coñecerán obras e autoras da literatura galega, con mensaxes ocultas, enigmas e quebracabezas. Para participar cómpre retirar o convite no mostrador de información desde 30 minutos antes do comezo da actividade. Tamén dirixida á rapazada, o luns instalarase na sala infantil a mostra bibliográfica 18 de outubro: Día das (nosas) escritoras.

Na Biblioteca de Galicia

 

A Biblioteca de Galicia, con sede na Cidade da Cultura, súmase tamén á celebración cun achegamento á obra literaria de Xohana Torres. Antes, esta tarde, ofrece unha nova sesión do ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros coa escritora Andrea Maceiras como figura convidada. Para esta conversa sobre títulos singulares da nosa literatura, a escritora escolleu o volume O libro das viaxes imaxinarias (Xerais, 2008), unha obra de Xabier P. Docampo ilustrada por Xosé Cobas, que convida a quen a le a se embarcar nunha viaxe por mundos imaxinados e fantasiosos cos que gozar da lectura. A paixón polas viaxes, pola escrita e polo debuxo mesturaranse así neste novo faladoiro literario no que Maceiras contará coa compaña do ilustrador Antonio Seijas, quen compartirá coas persoas asistentes varias imaxes feitas ex professo para a ocasión.

A cita arrancará ás 19,00 horas no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia e a entrada é de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura. O encontro tamén se poderá seguir en liña a través de YouTube.

O Ateneo ofrece unha conferencia de Carmen Blanco

 

O Ateneo de Santiago súmase ao Día das escritoras cunha conferencia de Carmen Blanco arredor das poetisas Xohana Torres e Luz Pozo Garza. A cita ás 20.00h  na sala da Rúa do Vilar, 19.

As protagonistas dúas grandes poetisas galegas, Luz Pozo Garza e Xohana Torres, autoras comprometidas coa lingua galega durante o franquismo e que colaboraron para que a literatura galega fose normalizada.

Carmen Blanco é autora de poesía, narrativa e ensaio, rompendo en moitos casos o límite entre estes xéneros. Como ensaísta, publicou obras sobre poder, memoria, muller, sexo e cultura, entre as que destacan Literatura galega e muller; Nais, damas, prostitutas e feirantas, ou Mulleres e independencia. Tamén editou tradicións de poesía galega e numerosas monografías e edicións de autores galegos. Como poetisa destaca por obras como Estraña estranxeira, Un mundo de mulleres e Lobo amor, mentres que como narradora é coñecida pola recreación de contos clásicos con Vermella con lobos ou a novela de microrrelatos Atracción total.

Ler en Lindeiros

Eventos relacionados