Novas

Dezasete traballos concorren ao Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2023 do Ateneo de Santiago

Compartir

 

O pasado día 31 de outubro finalizou o prazo para presentarse ao Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2023, organizado polo Ateneo de Santiago co obxecto de galardoar traballos xornalísticos que contribúan a promover un debate cívico sobre asuntos de interese social, favorecendo o espazo público para mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

Neste ano 2023, que se corresponde coa sexta edición, presentáronse un total de 17 traballos, duplicándose a participación. Estes traballos, de diferentes formatos xornalísticos como podcasts, artigos, reportaxes, entrevistas, etc., foron publicados en medios de comunicación radiofónicos e escritos (tanto en papel como dixitais) e tratan temáticas tan diversas como a soidade, a delincuencia xuvenil, o xogo en menores de idade, as adiccións, oficios en vías de desaparición, os efectos da talidomida, a privación de liberdade, a prostitución, a saúde mental, o machismo ou a trata de mulleres, entre outros.

O Xurado, que se constituíu o pasado martes presidido polo Vicepresidente do Ateneo de Santiago, Francisco Candela, está formado por José Francisco Rodil, directivo da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela; Xosé Ramón Pousa, ex-Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Antón Porteiro, membro da Sección Sociedade da Información do Ateneo de Santiago; e Nuria López Presedo, xornalista galardoada na última edición deste premio.

O fallo do Premio, dotado con 1.000€ e unha peza conmemorativa, darase a coñecer o vindeiro 20 de novembro, data do aniversario do nacemento de Alfredo Vicenti.