Novas

Conferencia «El Federalismo y la conferencia sobre el futuro de Europa» de Enrique Barón (AFG)

A Asociación Federalista de Galicia organiza esta conferencia para o vindeiro martes, 16 de novembro, ás 19.30h na Rúa do Vilar, 19

Compartir

 

O vindeiro martes, 16 de novembro, ás 19.30h a Asociación Federalista de Galicia ten programada na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19) unha conferencia titulada «El Federalismo y la conferencia sobre el futuro de Europa», que estará impartida por Enrique Barón, ex-Presidente do Parlamento Europeo, e presentada por Ramón Máiz, Catedrático de Ciencias Políticas da USC.

Enrique Barón é Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e en Administración de Empresas por ICADE e pola Escola Superior de Ciencias Económicas e Empresariais de París (ESSEC). Foi profesor de Estrutura Económica na universidade de Madrid e profesor asociado de Economía en ICADE (Universidade de Comillas). Exerceu de avogado en materia de Dereitos Humanos ante a xustiza da ditadura franquista e foi un membro activo do maio do 68. Pertenceu a Convergencia Socialista de Madrid e foi un dos líderes da Federación de Partidos Socialistas no comezo da Transición. En 1977 foi elixido deputado, desempeñando o cargo de voceiro económico e presupostario no Congreso, e posteriormente foi designado ministro de Transporte, Turismo e Comunicacións, poñendo en marcha os primeiros programas de modernización da rede ferroviaria española. En 1986 foi elixido deputado do Parlamento Europeo, onde permaneceu ata 2009, desempeñando funcións de vicepresidente (1987-1989), presidente (1989-1992) e presidente da Comisión de Asuntos Exteriores (1992-1995), entre outros. Dende maio de 2018 é presidente da Unión de Europeístas e Federalistas de España (UEF España).

Ramón Máiz é Catedrático de Ciencias Políticas e da Administración na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela. Os seus campos de investigación son a Teoría Política contemporánea, a Historia do pensamento político e os nacionalismos e federalismos comparados. Coordina o Equipo de Investigacións Políticas da USC, que agrupa investigadores que traballan temas moi variados de Ciencia Política como nacionalismo, federalismo, partidos, eleccións, sondaxes de opinión, liderado, marketing e campañas electorais, xénero e política ou historia institucional e conceptual.