Hemeroteca

A sociedade civil de Santiago reclama una "avaliación independente" ante a "grave alteración" nas gárgolas do Hostal

Fonseca, o Ateneo, Apatrigal e o Casino remitiron un escrito a Icomos-España no que expresan as súas demandas respecto da solución adoptada con estes elementos

Compartir

 

Entidades da sociedade civil compostelá fixeron efectiva a súa mobilización ante a intervención realizada nas gárgolas do Hostal dos Reis Católicos tras a instalación duns canos metálicos que xeraron polémica nas últimas semanas. A Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca, o Ateneo de Santiago, Apatrigal e a Asociación Cultural Casino remitiron a Icomos-España (Consejo Internacional de Monumentos y Sitios) un escrito no que poñen no seu coñecemento a "grave alteración" levada a cabo e reclaman unha "avaliación independente" da situación.

Tres tipos de afeccións patrimoniais

Neste escrito sinálanse tres tipos de afeccións aos aspectos histórico-artísticos e patrimoniais. Por unha banda, denuncian o impacto nas gárgolas, cun cano "totalmente alleo" á súa morfoloxía e ao seu espírito histórico, artístico e estético, provocando "unha perda de autenticidade e un dano material innecesario".

 

As asociacións tamén apuntan ás repercusións na fachada do Hostal, ao incorporar "elementos discordantes que alteran a percepción do conxunto e afectan a integridade estética". Por último, poñen o foco nas consecuencias sobre a Praza do Obradoiro, que se transforma "dunha paisaxe acolledora nun espazo hostil".

 

Actuación contraria a principios internacionais

Asa entidades tamén critican que a actuación contravén os principios internacionais de conservación recollidos na Carta de Venecia do ano 1964, así como o Plan Especial da Cidade Histórica, textos que falan de mínima intervención ou conservación do ben patrimonial sen alterar as súas características.

Do mesmo xeito, sinalan que "chama tamén a atención o feito de non existir a día de hoxe acceso público á memoria técnica detallada da intervención, nin aos informes que xustifiquen a solución adoptada, nin ás autorizacións específicas das administracións concernidas".

Por todo isto, solicitan a Icomos unha avaliación independente, tanto da reversibilidade da intervención como da súa idoneidade técnica; unha investigación sobre a existencia de alternativas menos intrusivas; unha avaliación do impacto real sobre a autenticidade do ben e o seu entorno; e que recomende ás autoridades competentes a revisión do proxecto.

 

Ver en El Correo Gallego