Hemeroteca

Debate sobre «Baba Yagá puso un huevo» de Dubravka Ugresic

Compartir

 

Hoxe, martes 19 de maio, ás 17.30h na Sala de Actividades do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Baba Yagá puso un huevo de Dubravka Ugresic.

Baba Yagá puso un huevo é un maxistral conto de contos que, cheo de enxeño e perspicacia, pon no punto de mira a archicoñecida figura da anciá perversa. Baba Yagá é unha criatura escura e solitaria, unha bruxa que rapta nenos e vive no bosque, nunha casa que se sustenta sobre patas de galiña. Pero tamén viaxa a través das historias, e en cada unha delas adopta unha nova forma: unha escritora que regresa á Bulgaria natal da súa nai, que, atormentada pola vellez, lle pide que visite os lugares aos que ela xa non poderá volver; un trío de anciás misteriosas que se hospedan durante uns días nun spa especializado en tratamentos de lonxevidade; e unha folclorista que investiga incansable a figura tradicional da bruxa. Anciás, esposas, nais, fillas, amantes. Todas elas conflúen en Baba Yagá. A cabalo entre a autobiografía, o ensaio e o relato sobrenatural, a súa historia convértese na de Medusa, Medea e tantas outras figuras malditas, debuxando un tríptico apaixonante sobre como aparecen e desaparecen as mulleres da memoria colectiva.

Dubravka Ugresic naceu en 1949 en Kutina, preto de Zagreb. Licenciouse en Literatura Comparada e Literatura Rusa e traballou na Universidade de Zagreb. Tras estalar a guerra dos Balcáns, exiliouse en 1993. Dende entón ensinou en universidades de Europa e América. A súa obra mantén o vínculo co seu país (memoria, exilio, emigración, identidade) cunha forte compoñente ética. Recibiu o Premio Charles Veillon ao mellor libro europeo de ensaio, o Premio Austria de Literatura Europea, o Premio Neustadt de Literatura Internacional ou o Premio ao Mellor Escritor Internacional da Royal Society of Literature, entre outros. Morreu en Ámsterdam en marzo de 2023.

 

Ver en Diario de Santiago

Eventos relacionados