Hemeroteca

«UN FORMIGUEIRO DE MULLERES», UNHA INVESTIGACIÓN SOBRE AS TRAPICHEIRAS DA RAIA DO MIÑO

Compartir

 

O Ateneo de Santiago acollerá o mércores ás 19.30 horas, no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo (Praza de Salvador Parga, 4-2º), a presentación do libro Un formigueiro de mulleres. As trapicheiras do Miño, de Natalia Jorge Pereira. A autora estará acompañada por Maricarmen Sánchez, historiadora da arte e directiva do Ateneo de Santiago, nun encontro arredor dunha obra que recupera e reivindica a memoria das mulleres vinculadas ao trapiche na fronteira galego-portuguesa.

A publicación busca desmontar a visión propagandística impulsada polo franquismo sobre as mulleres que participaron nas actividades de contrabando e estraperlo na Raia do Miño, poñendo en valor o seu papel como forma de resistencia fronte ás ditaduras de Franco e Salazar e tamén como unha actividade laboral desenvolvida en condicións de gran dificultade. O libro sitúase na década de 1940 e reconstrúe a vida cotiá das comunidades asentadas a ambas marxes do río, nun contexto marcado pola pobreza, a represión e as dinámicas transfronteirizas.

Natalia Jorge Pereira é Doutora en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha investigación centrada nas actitudes e comportamentos sociais nos concellos fronteirizos de Tomiño e Cerveira durante as ditaduras ibéricas. Especializada nas actividades transfronteirizas da «raia miñota», conta con diversos traballos publicados e recoñecidos con premios, entre eles o Xoana Torres na categoría de ensaio e divulgación por Un formigueiro de mulleres. As trapicheiras do Miño.

 

Ver en Xornal Galicia