Hemeroteca

O festival Ateneo Barroco anuncia os seus novos concertos e saca os seus abonos este venres

Ars Atlántica, coa dirección do compostelán Manuel Vilas, parte dun ciclo de concertos en outubro que vai ter varias actividades paralelas

Compartir

 

O Ateneo de Santiago presentou este mércores na súa sede a oitava edición do Festival Ateneo Barroco (6-20 de outubro en diferentes espazos da cidade), «cita única no noroeste da península», indicou en rolda de prensa Francisco Candela, presidente do Ateneo.

 

Apoios

Pancho Candela estivo acompañado polo director do festival, Víctor Carou, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Jacobo Sutil, presente e «satisfeito por estar por primeira vez na presentación dun festival tan necesario como este», salientou na súa intervención.

A programación inclúe seis concertos de abono (a un prezo de 35 euros e entradas diarias a 10 euros; e abono a 25 para menores de 30 anos, con venda desde este venres: ), ademais de actividades complementarias como conferencias, sesións club de lectura, cinema, sesións de improvisación e encontros cos artistas, que se irán dando a coñecer nas vindeiras semanas. E o ciclo vai ter tamén un concerto adicional gratuíto na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos.

 

"Instrumental"

O festival continúa o proxecto bianual iniciado en 2025 baixo o título "Instrumental", centrado no papel dos instrumentos na música antiga e barroca. Empeza o martes 6 de outubro (20 h.), na Igrexa da Universidade, co regreso de Lina Tur Bonet, que presentará "Bach, partita, sonata. O violín do gran mestre", un programa dedicado ás sonatas e partitas para violín só de Johann Sebastian Bach, xunto a obras de Heinrich Ignaz Franz von Biber e Nicola Matteis. Ao día seguinte, mércores 7 (20 h.), o Teatro Principal acollerá "A nova música. O nacemento da ópera", proposta encargada polo festival a Ars Atlántica, coa dirección do compostelán Manuel Vilas á arpa italiana de tres rexistros, e coa soprano lusa Raquel Mendes.

 

O venres 9 de outubro, tamén no Principal, Resonet, grupo de Santiago, presentará "Os alegres días de Nápoles", con Mercedes Hernández e Fernando Reyes. O martes 13, no Salón Teatro, será a quenda de Arc & Volta, o proxecto do compostelán Xurxo Romaní e Anna Casademunt, que presentarán Chorea Secundum Galliam, arredor da música cortesá francesa do século XVIII para viola de roda e viola de gamba. O venres 16 de outubro (20.30 h.), no Paraninfo da Universidade, «debuta en Galicia do clavecinista francés Bertrand Cuiller».

E a clausura faise o 20 de outubro (20 h.), no S. Teatro, con Accademia del Piacere e Fahmi Alqhai, que presentarán "In dulci jubilo. Bach".

 

Ver en El Correo Gallego

Eventos relacionados