BACH, PARTITA, SONATA. O violín do gran mestre (LINA TUR BONET)
Igrexa da Universidade
O Ateneo de Santiago presentou este mércores a oitava edición do Festival Ateneo Barroco, que se desenvolverá entre o 6 e o 20 de outubro en diferentes espazos da cidade. Durante a presentación participaron o presidente do Ateneo, Francisco Candela; o director do festival, Víctor Carou, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil. A programación inclúe seis concertos de abono, ademais de actividades complementarias como conferencias, club de lectura, cinema, sesións de improvisación e encontros cos artistas, que se irán dando a coñecer nas vindeiras semanas.
Nesta oitava edición, o festival continúa o proxecto bianual iniciado en 2025 baixo o título Instrumental, centrado no papel dos instrumentos na música antiga e barroca. A proposta permitirá achegarse a instrumentos pouco habituais nos concertos actuais, como o quintón, o colascione, a arpa italiana de tres rexistros, a viola de roda, a zanfona, o fagot barroco, o clavecín ou a familia das violas da gamba. O presidente do Ateneo salientou que o festival «non se limita a definir unha programación de concertos», senón que busca ofrecer «máis contido e máis profundidade» a través dun conxunto de actividades arredor dos repertorios, intérpretes, estilos e instrumentos. Candela destacou tamén a vontade de manter a accesibilidade do festival, con abonos de 35 euros para os seis concertos e de 25 euros para menores de 30 anos, ademais dun concerto adicional gratuíto na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos.
A programación abrirase o martes 6 de outubro, ás 20.00 horas, na Igrexa da Universidade, co regreso de Lina Tur Bonet, que presentará Bach, partita, sonata. O violín do gran mestre, un programa dedicado ás sonatas e partitas para violín só de Johann Sebastian Bach, xunto a obras de Heinrich Ignaz Franz von Biber e Nicola Matteis. Ao día seguinte, mércores 7, ás 20.00 horas, o Teatro Principal acollerá A nova música. O nacemento da ópera, unha proposta encargada polo festival a Ars Atlántica, con Manuel Vilas á dirección e á arpa italiana de tres rexistros, e coa soprano portuguesa Raquel Mendes.
O venres 9 de outubro, tamén no Teatro Principal, Resonet presentará en primicia Os alegres días de Nápoles, proxecto liderado por Mercedes Hernández e Fernando Reyes tras un longo período de investigación. O programa terá como eixo a música nos tempos de Pedro Fernández de Castro, vicerrei de Nápoles e sétimo Conde de Lemos, e contará coa participación de Mercedes Hernández, David Sagastume, Christian Losada, Paulo González, Rogerio Gonçalves e Fernando Reyes. O martes 13, no Salón Teatro, será a quenda de Arc & Volta, o proxecto de Xurxo Romaní e Anna Casademunt, que presentará Chorea Secundum Galliam, arredor da música cortesá francesa do século XVIII para viola de roda e viola de gamba.
A recta final do festival chegará o venres 16 de outubro, ás 20.30 horas, no Paraninfo da Universidade, co debut en Galicia do clavecinista francés Bertrand Cuiller, que ofrecerá Ceo e terra, unha viaxe dos virxinalistas ingleses William Byrd e John Bull ás sonatas de Domenico Scarlatti. A clausura terá lugar o martes 20 de outubro, ás 20.00 horas, no Salón Teatro, con Accademia del Piacere e Fahmi Alqhai, que presentarán In dulci jubilo. Bach, a ineludible recreación, unha revisitación dos corais de Johann Sebastian Bach a través das violas da gamba, o quintón e o órgano.
Durante a presentación, Víctor Carou subliñou o compromiso do festival coa presenza de mulleres creadoras, intérpretes, artistas e investigadoras, así como coa participación de músicos galegos especializados nas músicas antigas, en diálogo con artistas de prestixio nacional e internacional. Pola súa banda, Jacobo Sutil puxo en valor a calidade da programación, a presenza de intérpretes galegos e o carácter singular dunha iniciativa privada impulsada polo Ateneo de Santiago, que conta co apoio de distintas administracións e entidades. O director de Agadic destacou tamén que se trata dunha proposta «de primeira orde» para Santiago, para Galicia e para o conxunto dos amantes da música antiga do noroeste peninsular e do norte de Portugal.
Ver en Diario de Santiago