Hemeroteca

Debate sobre «Todo se desmorona», de Chinua Achebe

Compartir

 

Hoxe martes, 11 de novembro, ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Todo se desmorona de Chinua Achebe.

En Todo se desmorona Okonkwo é un guerreiro, cuxa fama se estende por toda a África Occidental, pero ao matar por accidente a un prohome do seu clan é obrigado a expiar a súa culpa co sacrificio do seu fillastro e o exilio. Cando por fin pode regresar á súa aldea, atópaa chea de misioneiros e gobernadores británicos. O seu mundo derrúbase e el non pode máis que precipitarse cara a traxedia. Esta apaixonada parábola sobre un home orgulloso que, desamparado, presencia a ruína do seu pobo foi publicada en 1958 e dende entón vendeu máis de dez millóns de exemplares en corenta e cinco idiomas.

Chinua Achebe (Nixeria, 1930 – Massachusetts, 2013) criouse na cidade de Ogidi, un dos primeiros centros de evanxelización anglicana do leste de Nixeria, e licenciouse no University College de Ibadán. Empezou a súa carreira na radio pero abandonouna en 1966 ao dimitir do seu posto de director de Emisións Internacionais durante o alzamento nacional que conduciu á guerra de Biafra, ingresando osteriormente no Ministerio de Información de Biafra para representar a esta rexión en diversas misións diplomáticas e recadar fondos. Foi docente na Universidade de Nixeria, en Nsukka, posto que lle permitiu dar clases no estranxeiro; profesor de lingua e literatura no Bard College durante quince anos; e catedrático na David and Marianna Fisher University e no departamento de Estudos Africanos da Brown University. Escribiu máis de vinte libros, entre novelas, relatos, ensaios e coleccións de poemas, e recibiu premios e condecoracións en todo o mundo, incluíndo a de membro honorario da American Academy of Arts and Letters, o Man Booker internacional (2007) e a de doutor honoris causa de máis de trinta escolas e universidades, ademais do galardón ao mérito intelectual máis importante do seu país, o Nigerian National Merit.

 

Ver en Diario de Santiago