Conferencia «Estruturas e Fortalezas da Democracia» de Carmen Calvo
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Será este luns, día 6, a partir das sete e media da tarde e a conferencia poderase ver tamén pola canle de Youtube da institución
Este luns, día 6, ás 19.30 horas, o Ateneo de Santiago inaugurará o curso 2025-2026 cunha conferencia a cargo de Carmen Calvo, Presidenta do Consello de Estado, que será retransmitida en directo a través da canle de Youtube do Ateneo (https://www.youtube.com/live/CrgllB0IAjw).
A intervención, titulada «Estruturas e Fortalezas da Democracia», marcará tamén o comezo dunha nova edición dos Luns do Ateneo, o ciclo de conferencias máis veterano da institución.
En este novo Luns do Ateneo Carmen Calvo abordará os desafíos que afrontan as democracias no contexto actual, afondando nos mecanismos que sustentan a súa solidez e estabilidade institucional.
A relatora proporá unha análise das fortalezas que permiten resistir ataques internos e externos, ao tempo que reflexionará sobre o papel da cidadanía, a igualdade e os dereitos fundamentais como piares esenciais da convivencia democrática.
Carmen Calvo Poyato (Cabra, Córdoba, 1957) é Doutora en Dereito Constitucional pola Universidade de Córdoba, onde exerce como profesora titular, e licenciada en Dereito Público pola Universidade de Sevilla.
Con ampla traxectoria política e institucional, foi vicepresidenta primeira do Goberno, ministra de Cultura e de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, así como presidenta da Comisión de Igualdade do Congreso.
Dende marzo de 2024 preside o Consello de Estado. Ademais da súa actividade académica e institucional, é unha recoñecida activista feminista, autora de numerosas publicacións e colaboradora habitual en medios de comunicación.
Esta cita supón para o Ateneo o inicio dunha ampla programación que, ao longo de todo o ano, ofrecerá á cidadanía conferencias, música, cinema e outras propostas culturais. Nesta ocasión, a reflexión sobre a solidez das democracias contemporáneas abrirá o debate público que caracteriza cada curso do Ateneo, consolidado como un espazo de diálogo e pensamento crítico en Compostela.
Ver en Lindeiros