Hemeroteca
Debate sobre «Zama» de Antonio di Benedetto
- Compartir
Hoxe martes, 28 de outubro, ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Zama de Antonio di Benedetto.
Zama narra a existencia solitaria e suspendida de Don Diego de Zama, un funcionario da coroa española en Asunción de Paraguai que, vítima dunha interminable espera, agarda ser trasladado a Bos Aires a finais do século XVIII. A de Zama non é calquera espera, trátase dunha condición existencial, angustiosa e reflexiva, nun territorio caracterizado pola distancia e a disposición para a lembranza. Zama é a novela dun exiliado castizo, cunha linguaxe atemporal e arcaica, por momentos cercano á do Século de Ouro. Trátase dun libro perfecto, onde a cualidade filosófica se desprende naturalmente dunha prosa deslumbrante.
Antonio Di Benedetto, nome indiscutible da literatura arxentina, naceu o 2 de novembro de 1922, en Mendoza, Arxentina. Estudou Dereito pero dedicouse ao xornalismo. En 1953 publicou o seu primeiro libro, Mundo animal, co que iniciou a súa brillante carreira de escritor cuxo cumio foi a novela Zama. Os críticos compararon os seus traballos ao nivel doutros importantes escritores como Alain Robbe-Grillet, Julio Cortázar e Ernesto Sábato. Recibiu a bolsa Guggenheim en 1974. Durante a ditadura militar arxentina foi perseguido, apresado, torturado e sufriu catro simulacros de fusilamento. Foi excarcerado o 4 de setembro de 1977 e exiliouse nos Estados Unidos, Francia e España, regresando definitivamente a Arxentina en 1985. Morreu vítima dun derrame cerebral o 10 de outubro de 1986 en Bos Aires.
Ver en Diario de Santiago