Conferencia «Diversas formas de habitar Santiago: cidade, territorio, paisaxe» de Cristina García Fontán
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
O vindeiro luns, 4 de novembro, ás 19:30 h, o Ateneo de Santiago organiza no auditorio da Rúa do Vilar, 19, unha conferencia titulada «Diversas formas de habitar Santiago: cidade, territorio, paisaxe», a cargo de Cristina García Fontán, profesora e investigadora na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (UDC).
A conferenciante abordará os complexos retos da cidade actual e as posibilidades de transformación que permitan outras formas de habitar o territorio. Tomando Santiago como caso de estudo, analizaranse as oportunidades e limitacións que presenta a cidade ante desafíos como o cambio climático, a crise enerxética, a calidade do aire e a vivenda, todos eles aspectos crave na planificación e no urbanismo de hoxe. García Fontán propón unha reflexión sobre os límites do habitar contemporáneo, considerando tanto os condicionantes ambientais como as oportunidades de reagrupación territorial que fortalecen a calidade de vida nas cidades.
Cristina García Fontán é Doutora en Arquitectura pola UDC, Premio Extraordinario de Fin de Carreira e especialista en urbanismo e sostibilidade. Cunha destacada carreira docente e investigadora, dirixe o grupo de Investigación Persoa-Ambiente da UDC, onde traballa en proxectos sobre o hábitat e o cambio climático. Foi galardoada en 2023 polo COAG pola súa exposición «Paisaxes Incultas. Metamorfose do monte galego» e é recoñecida polo seu traballo en proxectos internacionais, incluíndo a New European Bauhaus en Bruxelas.
Ver en Xornal Galicia