Hemeroteca

La Reverencia este sábado dentro do festival Ateneo Barroco

Compostela, 11 de outubro do 2024 – A sexta edición do festival Ateneo Barroco leva este sábado ao escenario do Teatro Principal de Santiago un concerto de La Reverencia.

Compartir

 

A cita con La Reverencia comezará ás oito da tarde. O conxunto, dirixido polo clavecinista Andrés Alberto Gómez, interpretará as Piéces de Clavecin en Concerts de Jean-Philippe Rameau, unha das obras cumio do repertorio barroco francés.

Estas pezas, compostas en 1741, representan unha fusión única entre o estilo francés e a tradición instrumental italiana. Rameau introduce a combinación de violín, viola da gamba, frauta travesa e clave, creando unha rica paleta sonora que desafía as fronteiras da música de cámara.

A obra estrutúrase en cinco concertos que destacan polo seu equilibrio e elocuencia musical, converténdose nunha das obras máis complexas e sublimes do compositor.

La Reverencia, con músicos de prestixio internacional como Pavel Amilcar (violín), José Fernández Vera (frauta travesa) e Sara Ruiz (viola da gamba), consolidouse como un dos conxuntos máis destacados na interpretación de música antiga con criterios historicistas.

O grupo, baixo a dirección de Andrés Alberto Gómez, continúa a súa exploración do repertorio de Rameau, despois de recibir aclamacións pola súa gravación das Piéces de Clavecin en Concerts.

 

Ver en Lindeiros