Hemeroteca
O Ateneo de Santiago insta á regulación estrita das vivendas turísticas para preservar o casco histórico
A entidade cultural sinala o impacto negativo do turismo descontrolado sobre a calidade de vida e o patrimonio da cidade
- Compartir
O Ateneo de Santiago, como entidade cultural e cidadá, expresou hoxe o seu firme apoio ás iniciativas de regulación e limitación das vivendas de uso turístico en Santiago de Compostela. Segundo a directiva do Ateneo, o crecemento acelerado deste tipo de aloxamento na última década está causando problemas significativos na cidade, especialmente nos barrios declarados Patrimonio da Humanidade.
“A problemática da falta de vivenda para familias e estudantes, xunto co despoboamento do casco histórico e o peche de comercios tradicionais, derivan do aumento das vivendas de uso turístico“, asegurou o Ateneo aos medios a partir dun conunicado. Tamén destacaron que a ocupación excesiva de espazos públicos está a afectar negativamente a vida cotiá dos residentes.
A entidade subliñou a urxencia de adoptar medidas municipais que aseguren un desenvolvemento turístico sostible, respectando os aspectos medioambientais, sociais e culturais da cidade. “É crucial que a ordenación do turismo considere a capacidade de acollida limitada de Santiago e estableza controis efectivos para manter un equilibrio”, engadiron.
O Ateneo de Santiago fixo ademais un chamamento aos representantes municipais para que prioricen o benestar da cidade por encima de intereses particulares ou de grupo. “Esperamos que tomen as medidas necesarias para resolver esta problemática que está a xerar unha crecente alarma social”, concluíron.
Ver en Xornal de Compostela