Hemeroteca

«Romaría en Cespón» por Manuel Gago

Compartir

 

O pasado luns o xornalista Rubén Ventureira impartiu no Ateneo de Santiago unha conferencia sobre Urbano Lugrís en Compostela. Ventureira falou do azaroso destino das obras que o xenial pintor executou na cidade. Algunhas decoraron os bares. No antigo Lugo desapareceron, aínda que o Farruco, memoria viva da cidade, apuntou desde o público que as táboas foran, digámolo así, recicladas nun galiñeiro.

No Nova Galicia sobreviviron e hoxe están en proceso de protección. As máis espectaculares estaban na capeliña do sanatorio Álvarez, que Ventureira chamou a «capela Sixtina» particular de Lugrís. Conserváronse cadros de seis santos, pero perdeuse un magnífico frontal cun fondo de vía láctea.

E logo estaban as do hotel Compostela, onde seica Lugrís traballou no bodegón pintando motivos xacobeos. Ventureira fartou de buscar sen éxito fotos das pinturas lugrisianas neste céntrico hotel da praza de Galicia.

Alí tamén se perderon outros valiosos traballos, coma os monumentais lenzos que Roberto González del Blanco pintou entre 1952 e 1958. Entre eles atopábase unha impresionante Romaría de Cespón. Aqueles foron cadros crepusculares, co pintor xa enfermo.

Os seus ollos volvían ás escenas e xentes do Boiro rural que tanto retratou na súa carreira. Da Romaría —que sería o gran cadro do Barbanza de conservarse— si que temos algunha foto en branco e negro. Pensei que a nosa comarca deu bastantes pintores, pero non é doado atopar cadros emblemáticos que a representen. Habería que pensar por que.

Ver en La Voz de Galicia

Eventos relacionados