Conferencia «Urbano Lugrís en Santiago: mito e realidade» de Rubén Ventureira
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
O escritor e xornalista abordará o legado do artista en Santiago de Compostela, explorando a súa presenza na capital galega
Este luns, 17 de xuño, o Ateneo de Santiago culminará o seu curso de actividades 2023-2024 coa conferencia ‘Urbano Lugrís en Santiago: mito e realidade‘, impartida polo recoñecido escritor e xornalista, Rubén Ventureira. O evento terá lugar ás 19:30 horas na sede do Ateneo, localizada na Rúa do Vilar, 19, en Santiago de Compostela.
Durante a conferencia, Ventureira, que é tamén xestor cultural e actual director de El Ideal Gallego, profundará no legado de Urbano Lugrís na cidade, unha figura emblemática cuxas obras seguen fascinando aos amantes da arte. Entre as súas creacións máis destacadas atopamos as obras recuperadas na intervención do desaparecido Sanatorio Álvarez da Rúa Doutor Teixeiro, o mural do antigo Restaurante América na rúa do Franco, e as pinturas perdidas dos antigos bares Lugo e Compostela.
Rubén Ventureira, que foi Comisario da exposición ‘Urbano Lugrís. Paredes soñadas‘ en Afundación A Coruña no 2017, é tamén coñecido pola súa profunda implicación na cultura galega, tendo publicado en xaneiro deste ano un importante artigo na revista Luzes titulado ‘Así era a Capela Sixtina de Lugrís‘. Este traballo destaca pola súa detallada investigación sobre a influencia e impacto do artista no contexto urbano de Santiago.
Ver en Xornal de Compostela