Hemeroteca

O ATENEO DE SANTIAGO HONRA A MARIO CAMUS NUNHA CONVERSA SOBRE O SEU CINE

Compartir

 

Este luns, 29 de abril, o Ateneo de Santiago dedicará unha das súas sesións dos ‘Luns do Ateneo’ a explorar a obra do recoñecido director de cine Mario Camus. O evento, titulado ‘Mario Camus. O cine necesario‘, terá lugar ás 19:30 na sede Afundación, sita na Rúa do Vilar, en Santiago de Compostela.

O acto contará coa participación de Arantxa Aguirre Carballeira, cineasta que foi asistente de dirección de Camus, e José Manuel González Herrán, profesor emérito da USC.

Mario Camus, membro destacado da xeración do Novo Cine Español xunto con figuras como Carlos Saura e José Luis Borau, alcanzou fama internacional grazas a obras como La colmena, galardoada co Oso de Ouro no Festival de Cine de Berlín, e Los santos inocentes, que recibiu unha mención especial do xurado no Festival de Cannes. Estas cintas destacan pola súa habilidade para adaptar obras literarias ao cine. Nos anos 90, Camus comezou a realizar filmes de corte máis persoal, centrados no terrorismo e críticas ao capitalismo, os cales se están amosando no ciclo ‘O cine social e político de Mario Camus’, do Cineclub Ateneo durante este mes de abril.

Arantxa Aguirre Carballeira, Doutora en Literatura española, iniciou a súa traxectoria cinematográfica colaborando con directores como Pedro Almodóvar e Mario Camus. Dirixiu o documental Dancing Beethoven (2016), que foi premiado coa Espiga de Prata na sección Tiempo de Historia na SEMINCI de Valladolid e nomeado aos Premios Goya, Forqué e Platino. En 2021, Arantxa foi admitida na sección Artes da Imaxe da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando.

Ver en Xornal de Compostela

Eventos relacionados