Hemeroteca

Un atraco de acción para descubrir a poesía de Villalta

Na curta do IES Colmeiro de Silleda que gañou o Cineduca do Ateneo os alumnos interpretan toda a banda sonora

Compartir

 

Á segunda foi a vencida e despois do accésit obtido o pasado curso, leste o IES Pintor Colmeiro de Silleda leva os mil euros para equipamento audiovisual do primeiro premio do Ateneo Cineduca de Santiago por unha curtametraxe de 25 minutos titulado Onde está Luísa? e que versa sobre a autora á que este ano están dedicadas as Letras Galegas. O director do centro, Jesús Fernández, explica que preguntando en clase observou que Luisa Villalta era unha auténtica descoñecida para os estudantes.

Estes acabaron investigando se na biblioteca do centro, nas librerías ou en distintos espazos de Silleda había algo desta autora. Descubriron que non e propúxose un reto que consistía na realización dun vídeo sobre este asunto. A idea era, apunta, «involucrar a un grupo de alumnos que eran os menos interesados en Luísa Villalta e desmotivados co todo o que tiña que ver coa literatura e a cultura». Por iso é polo que, engade, «propuxemonos facer unha cousa que tivera que ver con algo de acción». Como base de inspiración tomaron a película Ocean's Eleven. «Fixemos unha especie de asalto e en vez de roubar xoias ou millóns de euros quixemos roubar un libro que está agochado e era un libro de Luísa». Con esta idea empezaron a traballar nel e a buscar participantes.

Implicación das familias

A todos os alumnos de terceiro da ESO, que foi onde arrincou a iniciativa, encargóuselles un vídeo-poema que podían realizar eles ou os seus pais e que acabou sendo un traballo no que se involucraron tamén as familias, con proxenitores que saen na gravación. A idea era a posta en valor da figura e a obra de Luísa Villalta pero de «un xeito que puidera ser entretido para eles» e que supuxo, por exemplo, entrar no instituto de noite a gravar para abrir unha caixa forte.

O proxecto comezou a xestarse en terceiro da ESO na materia de educación en valores e ao final contou, apunta o director, «coa participación de todo ou mundo dun xeito coral».

No curto préstase tamén especial atención á banda sonora. «Hai música os 25 minutos que dura. Vai de principio a fin e foi toda gravada e interpretada por alumnado do centro con colaboración do profesor de música», apunta Fernández. Dentro da mesma incluír unha versión propia da banda sonora da película á que se sumaron pezas de traballos de clase e outras que entenderon que ían ben coa trama. A banda sonora conta con percusionistas, trompetistas, saxofonistas e algún oboe, entre outros. O resultado foi un coro de acción salpicado de poesía que serve para descubrir á autora.

Ver en La Voz de Galicia

Eventos relacionados