Hemeroteca

Os arquitectos exploran os camiños a unha gobernanza metropolitana en Santiago

Ignacio e Lucía Cerrada profundarán hoxe no tema nunha charla na sede de Afundación

Compartir

 

Nun mundo cada vez máis urbanizado e no que se estima que o 80 % da poboación vivirá en áreas urbanas no 2050, os arquitectos Ignacio Cerrada Gonzalo e Lucía Cerrada Morato consideran que as transformacións económicas, sociais, culturais e medioambientais están provocando procesos significativos de reorganización de patróns de localización de actividades urbanas e a aparición de cambios importantes no papel das áreas metropolitanas.

Partindo desta situación, ambos profesionais analizarán hoxe a historia da metropolitanización de Santiago, cales son as principais deficiencias do seu actual goberno, e indicarán que se pode aprender da gobernanza metropolitana doutras cidades medias en Europa.

Un tema sobre o que profundarán na conferencia que ofrecerán esta tarde na sede de Afundación da rúa do Vilar, a partir das 19.30 horas, baixo o lema A gobernanza da área metropolitana de Santiago de Compostela. Unha perspectiva europea de áreas metropolitanas medias, organizada pola Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia e o Ateneo de Santiago.

Desde o punto de vista destes arquitectos, “a maioría dos países están dando unha resposta política e de planificación urbana ao proceso de metropolitinización”, pero lembran que en España, sen embargo, “existe unha longa tradición de invisibilizar o feito urbano metropolitano, que na actualidade resulta na súa falta de goberno”.

Ignacio Cerrada está especializado en Urbanismo pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (1981), foi xefe de planeamento e xestión urbanística no Concello compostelán entre 1984 e 2004. Traballou na administración autonómica como xefe do Servizo de Ordenación do Territorio (2004-2005), subdirector de Habitabilidade e Calidade da Edificación da Consellería de Vivenda e Solo (2005-2009), xefe do Servizo de Protección da Cidade e dos Camiños de Santiago (2009-2010) e xefe do Servizo de Planeamento e Inventario (2010-2016). Traballou como director da área de Urbanismo do Concello de Santiago desde o ano 2016 ao 2020.

Lucía Cerrada Morato é arquitecta pola Escola Técnica de Arquitectura de Madrid (2011) e doutora en Urbanismo pola Barlett School of Planning (2022). Traballou como arquitecta en masterplans en diversos proxectos de vivenda colectiva en España, Suiza e Reino Unido.

Na actualidade traballa en áreas de investigación que inclúen os procesos de urbanización periférica e a súa transformación para un modelo máis sostible.

Ver en El Correo Gallego

Eventos relacionados