Hemeroteca

Núñez Seixas debulla a memoria da fronte leste da Segunda Guerra Mundial

Compartir

 

Un achegamento comparativo á memoria colectiva xerada polo recordo público, pero tamén privado, da guerra xermano-soviética ou fronte leste da Segunda Guerra Mundial. Iso ofrece o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Xosé M. Núñez Seixas (Ourense, 1966) en Volver a Stalingrado. El frente del este en la memoria europea, 1945-2021 (Galaxia Gutenberg), que recentemente viu a luz e que conseguiu o Premio Internacional de Ensayo Walter Benjamin 2021. «É a historia da guerra desde o punto de vista social. Non vai da batalla, senón de cal foi a experiencia das persoas durante a guerra —combatentes e civís— e como as sociedades lembraron despois a guerra, a ditadura e outras experiencias traumáticas», explica o historiador, que onte presentou o seu traballo en Santiago nun acto organizado polo Ateneo compostelán e a Asociación de Periodistas.

Xosé M. Núñez Seixas segue nesta publicación unha liña de traballo iniciada hai tres lustros. «É un libro que ten que ver con interese e temáticas previas, que ten que ver co meu interese pola guerra desde o punto de vista social», apunta. E como é esa lembranza deste conflito entre 1941 e 1945? «Hai unha diferenza fundamental entre vencedores e vencidos», responde. Así, os discursos van desde a exaltación dos heroes e as fazañas no caso dos vencedores, ata adoptar unha postura crítica, en diferentes grados, por parte dos vencidos. Ademais, o investigador apunta que tamén están os que non se consideran nin vencedores nin vencidos, senón vencidos por partida dobre, o que acontece en boa parte do antigo bloque do leste despois de 1990, «que se presentan como vítimas dunha dobre invasión».

Ata que punto axuda Volver a Stalingrado a comprender a guerra en Ucraína? «O que amoso é que o Kremlin, Putin, levan 20 anos utilizando a lembranza da Gran Guerra Patria como instrumento de política exterior. [...] Na súa alocución para xustificar a invasión aludiu a que era unha maneira de liberar o pobo ucraíno do fascismo, co que estaba repetindo lemas da guerra», responde. Polo tanto, si que é unha publicación coa que o conflito se «pode entender mellor, pero non é o único motivo para lela. É un libro sobre a memoria e pódense comprender mellor as actitudes europeas sobre a Segunda Guerra Mundial».

Ler en La Voz de Galicia

Eventos relacionados