Conferencia «Da Xénese á Gloria: novos descubrimentos na Catedral de Santiago» de Francisco Prado-Vilar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Francisco Prado-Vilar exporá nos Luns do Ateneo as novidades na investigación da Catedral de Santiago
Este luns, 21 de febreiro, ás 19.30h, o Ateneo de Santiago organiza unha nova conferencia dentro do seu ciclo Os Luns do Ateneo titulada «Da Xénese á Gloria: novos descubrimentos na Catedral de Santiago», que estará impartida por Francisco Prado-Vilar, Director do programa A.W. Mellon para o Pórtico da Gloria.
Neste relatorio, que se desenvolverá como sempre na Rúa do Vilar, 19, farase un percorrido polos novos achados na Catedral de Santiago, facendo fincapé nos descubrimentos máis recentes producidos durante a restauración da cripta do Pórtico da Gloria, como os relevos da Matanza dos Inocentes e outras partes do Coro do Mestre Mateo, que revelan aspectos esenciais para coñecer a conformación dos obradoiros que traballaron a finais do século XII na Catedral.
Francisco Prado-Vilar, Investigador Distinguido da Universidade de Santiago de Compostela, Doutorouse pola Universidade de Harvard e exerceu postos investigadores e docentes nas universidades de Princeton, Londres, Complutense e Stanford. Ata a súa recente incorporación á Universidade de Santiago foi director de Proxectos no Real Colexio Complutense de Harvard, do que agora é investigador asociado. Foi coordinador do comité científico da restauración do Pórtico da Gloria dende os seus inicios en 2008 e actualmente dirixe o seu Programa A. W. Mellon.
Ler en Compostela 24 horas