Hemeroteca

A xestión forestal a debate no Ateneo de Santiago

Este luns 7 de febreiro o Ateneo de Santiago retoma Os Luns do Ateneo cunha conferencia impartida polo Catedrático da USC Antonio Rigueiro

Compartir

 

Este luns, 7 de febreiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago retoma os actos dos Luns do Ateneo na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela coa conferencia «Xestión forestal sostible en Galicia», que estará impartida por Antonio Rigueiro, Catedrático da USC.

Nesta conferencia exporase a situación actual do sector forestal galego para centrarse deseguida nos aspectos relacionados coa xestión forestal sostible, que debe atender dun xeito equilibrado aos aspectos económicos, é dicir, aos produtos madeireiros e non madeireiros; aos ecolóxicos e aos sociais, aínda que en Galicia tradicionalmente se vén producindo un desequilibrio cara ao lado produtivista e cunha pobre diversificación das especies forestais madeireiras.

Antonio Rigueiro Rodríguez é Catedrático da USC dende 1993, adscrito ao Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría. En 1979 incorporouse ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán, ao tempo que foi conservador do seu Xardín Botánico e do herbario LOU. Ao longo da súa dilatada carreira dirixiu e colaborou en numerosos proxectos de investigación e informes técnicos públicos e privados. Actualmente é coordinador do Grupo de Investigación Sistemas Silvopastorais, Presidente da Asociación Forestal de Galicia e da Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume e membro de diversas entidades como a Real Academia Galega de Ciencias, a Sociedade Galega de Historia Natural ou a Sociedad Española de Ciencias Forestales.

Ler en Compostela 24 horas

Eventos relacionados