Hemeroteca

Ciclo de cine Carlos Velo no Ateneo de Santiago

Compartir

 

PARA VER. O Ateneo de Santiago vén de facer pública en rolda de prensa a programación do Ciclo de cine Carlos Velo, que se desenvolverá entre o 13 e o 21 de decembro, permitindo “coñecer en profundidade a obra deste cineasta tan importante para Galicia”. Segundo comunica o directivo da entidade organizadora Xosé Ramón Pousa, o Ciclo iniciarase o vindeiro luns, ás 19.30h, cunha conferencia impartida polo profesor de Comunicación Audiovisual da USC Fernando Redondo titulada Carlos Velo no documental do século XX, a cal servirá ao público para situar a este gran documentalista e cineasta. As proxeccións comezarán o martes 14, incidindo na “parte fundamentalmente documentalista de Carlos Velo”, coa emisión da curtametraxe Galicia, onde se poderá gozar por vez primeira dunha reconstrución completa deste filme, “un dos documentos máis importantes sobre a Galicia da República”. Ademais, o mesmo martes tamén se proxectarán outras dúas curtametraxes, como son Almadrabas, “un documental premiadísimo sobre a técnica de captura do atún no Estreito de Xibraltar”, e La tierra del chicle, unha cinta moi particular sobre a súa etapa en América. A presentación desta primeira xornada correrá a cargo de Margarita Ledo Andión, cineasta que atopou en arquivos soviéticos e italianos 20 minutos, descoñecidos ata este momento, do documental Galicia. O xoves 16 será a quenda de Torero, película que foi na época preseleccionada para os Óscar, onde se narra a vida de Luis Procuna, un toureiro mexicano moi importante durante os anos 40 e 50, e a cal será presentada polo crítico cinematográfico e profesor da Universidade de Vigo Miguel Anxo Fernández. Para finalizar, o martes 21 presentarase Pedro Páramo, unha longametraxe que se proxectou no Festival de Cannes e que introducirá José María Paz Gago, catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña. Todos os actos do Ciclo de cine Carlos Velo desenvolveranse na sede de Afundación, situada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago, a partir das 19.00 horas. REDACCIÓN

Ler en El Correo Gallego 

Eventos relacionados