Hemeroteca

O Santiago do século XXI no Ateneo de Santiago

Este luns 15 de novembro o Ateneo de Santiago ten programada unha conferencia impartida por Belén Hernández, Xerente do Consorcio de Santiago.

Compartir

 

Este luns, 15 de novembro, ás 20.00h o Ateneo de Santiago ten programada unha conferencia, organizada pola Sección Compostela, titulada «Proposta estratéxica de Santiago 2027-2032», que estará impartida por Belén Hernández, Xerente do Consorcio de Santiago.

Esta proposta estratéxica é un plan que pretende construír o Santiago do século XXI, que poida ofrecer mellor calidade de vida. Entre os proxectos desta proposta encóntrase a planificación da xestión de fluxos na cidade histórica para que non afecten á conservación do patrimonio; tamén o deseño dun modelo de reparto, que contribúa a evitar a entrada de vehículos pesados na cidade histórica; ou a recuperación de parte dos edificios do antigo Hospital Psiquiátrico de Conxo e todo o seu contorno como Polo de Formación Profesional Biosanitaria.

Belén Hernández Lafuente é Enxeñeira Agrónoma pola Universidade Politécnica de Madrid na especialidade de enxeñería rural e ampliou a súa formación nas materias de desenvolvemento rural, organización territorial e fondos europeos con cursos de posgrao en Madrid e Dublín. Desempeñou o posto de directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e realizou tarefas na Oficina Supervisora de Proxectos da Consellería de Agricultura entre 1996 e 1999. No bienio 1999-2000 asumiu a representación das comunidades autónomas españolas no Comité STAR de Estruturas e Desenvolvemento Rural no seo da Comisión Europea. Actualmente, desenvolve as tarefas de xerente no Consorcio de Santiago.

Ler en Compostela 24 horas

Eventos relacionados