Conferencia «Será a Intelixencia Artificial o noso último invento?» de Senén Barro
Zoom, Youtube, Facebook e Twitter
A conferencia terá lugar este luns 21 de xuño ás 20h da man de Senén Barro, director do CiTIUS
Este luns 21 de xuño ás 20.00h, o Ateneo de Santiago ofrece unha conferencia titulada «Será a Intelixencia Artificial o noso último invento?», que estará impartida por Senén Barro, director do CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC.
A Intelixencia Artificial pasou en moi poucos anos dos laboratorios de investigación ás empresas e de aí a unha infinidade de servizos e produtos e á nosa vida cotiá. Todo apunta, ademais, a que isto non fixo máis que empezar. Con todo, esta disciplina científico-tecnolóxica desenvólvese e convive con paradoxos, moitas incógnitas sobre como pode e como debe progresar e especulacións sobre cales poden ser os seus límites e sobre se algún día haberá unha intelixencia artificial que supere á humana e o que iso podería significar. Podería ser incluso o noso último invento, xa que a intelixencia artificial encargaríase de inventar para nós. Pero tamén podería ser o derradeiro invento, se resulta que os seres humanos deixamos de importarlle.
Sobre isto falará Senén Barro, Doutor en Física (premio extraordinario), catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e director científico do CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidadede Santiago de Compostela (USC). Entre 2002 e 2010 foi reitor da USC, desenvolvendo o “Campus Vida”, recoñecido como Campus de Excelencia Internacional en 2009 polo Goberno de España, e entre 2008 e 2010 Vicepresidente da “Conferencia de Rectores de Universidades Españolas”. Así mesmo, foi presidente de Red Emprendia (2010-2017) –rede de 28 das mellores universidades de 6 países de América Latina, España e Portugal, orientada á transferencia de I+D e ao emprendemento universitario. É membro da Real Academia Galega de Ciencias e obtivo o Premio Nacional de Informática José García Santesmases en 2020.
Debido ás restricións sanitarias, a esta conferencia só se poderá asistir por medio da plataforma Zoom, a páxina webwww.ateneodesantiago.gal e as seguintes redes sociais do Ateneo:
Youtube:Ateneo de Santiago
Facebook:Ateneo Santiago
Twitter:@AteneoSantiago
As preguntas para o coloquio posterior poderán facerse a través de Zoom e enviarse ao WhatsApp do Ateneo 622 274 110.