Hemeroteca

A traxectoria vital e literaria de Xela Arias, centro da próxima conferencia do Ateneo de Santiago

O encontro telemático terá lugar o próximo 24 de maio.

Compartir

O Ateneo de Santiago ofrecerá o 24 de maio ás 20,00 horas unha conferencia telemática sobre a vida e traxectoria da autora galega homenaxeada no Día das Letras Galegas do 2021, Xela Arias.

O acto, titulado 'Unha sorte de anarquía. A traxectoria vital e literaria de Xela Arias', contará cunha presentación da vogal do Ateneo de Santiago, Pilar Sampedro, e a intervención da Doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, María Xesús Nogueira, quen tamén é editora de forma póstuma de Xela Arias.

A conferencia, que durará media hora aproximadamente, tratará sobre a vida da autora lucense, e sobre como esta vese reflectida na súa poesía. Para terminar, haberá un coloquio entre a experta e os asistentes que queiran participar, no que poderán formular preguntas e compartir a súa visión das publicacións de Arias.

Debido ás medidas de prevención contra o coronavirus, só se poderá asistir á conferencia a través da plataforma Zoom, especialmente para aquelas persoas que participen do coloquio. Para os demais, retransmitirase a través da páxina web do Ateneo e das súas distintas redes sociais.

 

Ler en Galicia Confidencial

Eventos relacionados