Hemeroteca

Fotos inéditas e citas literarias para os 22 espazos nos que se divide o itinerario do roteiro de Valle-Inclán presentado hoxe

Compartir

O Concello de Santiago acolleu hoxe a presentacion do folleto que describe o itinerario do roteiro "Valle-Inclán por Santiago de Compostela. Rosa mística de pedra". Un itinerario que incorpora novidades, como fotos inéditas, e 22 citas do autor relacionadas cos 22 espazos nos que se divide o roteiro. Na presentación interviron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; Xaquín del Valle-Inclán, investigador e neto do literato; Pilar Sampedro, en representación do Ateneo de Santiago, e Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán.

En concreto, nesta edición, destaca, polo seu valor documental, o orixinal da primeira caricatura coñecida de Valle-Inclán, e unha fotografía inédita, rescatada do arquivo polo seu neto e restaurada por Adolfo Enríquez, profesional da fotografía activo en Santiago, con múltiples premios e distincións nacionais e internacionáis. A instantánea, tal e como sinalou Xaquín del Valle-Inclán, recolle a presenza de Valle-Inclán na rúa do Vilar, saindo do Casino, xunto a varias persoas, entre elas o seu fillo Carlos e Otero Pedraio. Segundo explicou, "é un roteiro interesante, e unha mostra do que foi o Valle-Inclán de Santiago.

A concelleira explicou que neste momento "estamos pendentes de como evolucione a situación derivada da pandemia"; para poder "programar eses roteiros por estes 22 espazos, aplicando todos os protocolos sanitarios". En canto se confirmen as datas, darase conta das mesmas.

O roteiro, de unha hora e vinte minutos de duración, comeza na Alameda, xunto ao monumento ao escritor, pasando, entre outros espazos, polo Teatro Principal, a Capela da Croticela, O pórtico da Gloria, a Quintana, a Praza de Cervantes, que se incorporou nesta edición; o Convento de Belvís, para rematar fronte á súa sepultura, en Boisaca.

Todos estes espazos, fotografías e citas literarias, están recollidas no folleto presentado hoxe, do que se editarán 6.000 unidades, a metade en galego e a outra metade en castelán. Na publicación, do concello de Santiago e Turismo de Santiago, colaboran o Ateno de Santiago, o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, a Asociación de Antigos Alummnos e Amigos da USC e a Asociación Cultural San Martiño Pinario.

Pilar Sampedro recordou a presenza do Ateneo "desde o principio deste roteiro", e convidou á veciñanza a unha participación activa, "porque ligar o territorio, Compostela, á literatura paréceno do máis interesante e unha actividade cultural que move non só ao turismo, se non tamén á cidadanía".

Do roteiro, "Valle-Inclán por Santiago de Compostela. Rosa mística de pedra"; Antonio González Millán; destacou esa escolma de citas do creador do esperpento. Sinalou que Compostela é unha cidade afortunada, como "Salamanca con Unamuno, ou Granada con Lorca, porque estamos falando dun principais referentes literarios de dúas xeracións". Destacou en concreto, a figura de Valle-Inclán como un referente mundial a nivel de narrativa. E recordou que a base sobre a que se traballou o folleto está mellorada respecto a outras edicións.

Neste sentido, Mercedes Rosón subliñou que este roteiro "animou a unha revisión documentada, sen perder a motivación divulgativa, da presenza biográfica de Ramón del Valle-Inclán en Compostela; e da pegada afectiva, admirativa e devocional da cidade histórica e das xentes de Compostela no universo literario do escritor. Un recurso que se suma á universalidade e cosmopolitismo de Valle, o autor de Galicia referente nas letras internacionáis, e tamén o autor máis traducido".

Pero estes roteiros tamén teñen outra importante función, segundo destacou a concelleira: "actúan como proxectos dinamizadores da cidade monumental". En resumo, concluiu "con esta ruta literaria, non so van gozar, tamén van descubrir aspectos inéditos da figura de Valle-Inclán e da súa relación con Compostela".

Ver en Concello de Santiago