Inauguración da exposición «Dona Emilia e Compostela»
Salón Nobre do Colexio de Fonseca
A exposición ‘Dona Emilia e Compostela’ permanecerá aberta ao público no Colexio de Fonseca ata o 24 de abril, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas
Venres, 5 de marzo de 2021 | Santiago de Compostela
A mostra ‘Dona Emilia e Compostela’ inaugurada este xoves no Colexio de Fonseca, amosa a presenza e relación da escritora con esta cidade a través de visitas, estadías, relacións, amizades, lembranzas ou testemuñas. A exposición tamén afonda na pegada que deixou a urbe na súa obra ao converterse en escenario de novelas e contos; fonte de asuntos para os seus relatos e crónicas; tema de ensaios, conferencias, crónicas e artigos xornalísticos, cartas privadas ou mesmo escritos autobiográficos. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 24 de abril, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.
O reitor Antonio López presidiu o acto inaugural no que tamén tomaron parte o comisario da exposición e profesor da USC, José Manuel González Herrán; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño Zunzunegui, entidade impulsora da mostra. A primeira parte da exposición repasa cronoloxicamente os principais momentos da biografía da autora entre 1866 e 1879. Este apartado recolle edicións deses anos, procedentes das bibliotecas da USC, ou de bibliotecas particulares; documentos e manuscritos autógrafos, procedentes do Arquivo da Real Academia Galega; gravados, ou reproducións de noticias e comentarios na prensa periódica coetánea.
A segunda parte, centrada entre 1879 e 1920, dedícase á presenza de Santiago na obra literaria de Pardo Bazán. Neste senso, abórdase unha selección das súas novelas e contos, así como unha relación dos ensaios, crónicas e artigos xornalísticos expresamente referidos a Santiago, ilustrada coa reprodución facsímile ampliada da correspondente publicación na prensa periódica, e con gravados ou fotografías antigas dos temas, asuntos, personaxes, lugares ou monumentos tratados nas pezas xornalísticas.
Ver en Xornal USC