Hemeroteca

O Ateneo lembra o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán

Unha exposición no Colexio de Fonseca e a conferencia do vindeiro Luns do Ateneo son algunhas das actividades que se levarán a cabo para homenaxear a Emilia Pardo Bazán, precursora do feminismo e defensora dos dereitos das mulleres.

Compartir

Exposición

 

No Colexio de Fonseca, este xoves día 4 ás 20.00h, terá lugar a inauguración da exposición ‘Dona Emilia e Compostela’. Para asistir a este acto é necesario inscribirse previamente no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.com.

A mostra, que estará aberta ao público ata o 24 de abril (de luns a sábado, de 11.00h a 14.00h e de 17.00h a 20.30h), ten como principal obxectivo amosar a presenza da escritora en Santiago de Compostela (visitas, estadías, relacións, amizades, lembranzas, testemuñas…), así como a pegada da cidade na súa obra (escenario de novelas e contos, crónicas e artigos xornalísticos, ensaios,  etc.).

Ademais, o Ateneo de Santiago organizará visitas guiadas á exposición todos os sábados, as cales estarán abertas á cidadanía previa inscrición no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.com.

Tamén está prevista a distribución do libro El vidrio roto, unha recompilación de 46 contos escritos pola autora e publicados durante os seus últimos vinte anos de vida nalgúns dos máis célebres xornais e revistas arxentinas, algúns deles especialmente dirixidos á comunidade galega. O libro inclúe unha introdución de José Manuel Gonzalez Herrán, Profesor da USC e membro da Xunta Directiva do Ateneo de Santiago.

Así mesmo, o vindeiro luns 8 de marzo, ás 20.00h e co gallo do Día da Muller celebrarase unha conferencia titulada «Dona Emilia entre a hostilidade e o ridículo», da man de Marina Mayoral, Académica de honra da Real Academia Galega, á cal, debido ás restricións sanitarias, só se poderá asistir por medio da plataforma Zoom, a páxina web www.ateneodesantiago.gal e as redes sociais do Ateneo.

 

Ler en Lindeiros

Eventos relacionados