Inauguración da exposición «Dona Emilia e Compostela»
Salón Nobre do Colexio de Fonseca
SANTIAGO DE COMPOSTELA | Dende o Ateneo de Santiago levaranse a cabo unha serie de actos para conmemorar o centenario do falecemento de Dona Emilia Pardo Bazán. No Colexio de Fonseca, este xoves, ás 20:00 horas, terá lugar a inauguración da exposición ‘Dona Emilia e Compostela’. Para asistir a este acto é necesario inscribirse previamente no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.com.
A mostra, que estará aberta ao público ata o 24 de abril (de luns a sábado, de 11.00h a 14.00h e de 17.00h a 20.30h), ten como principal obxectivo amosar a presenza da escritora en Santiago de Compostela (visitas, estadías, relacións, amizades, lembranzas, testemuñas…), así como a pegada da cidade na súa obra (escenario de novelas e contos, crónicas e artigos xornalísticos, ensaios, etc.).
Ademais, o Ateneo de Santiago organizará visitas guiadas á exposición todos os sábados, as cales estarán abertas á cidadanía previa inscrición no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.com. Tamén está prevista a distribución do libro El vidrio roto, unha recompilación de 46 contos escritos pola autora e publicados durante os seus últimos vinte anos de vida nalgúns dos máis célebres xornais e revistas arxentinas, algúns deles especialmente dirixidos á comunidade galega. O libro inclúe unha introdución de José Manuel Gonzalez Herrán, Profesor da USC e membro da Xunta Directiva do Ateneo de Santiago. Departamento e comunicación