Hemeroteca

Conmemoración do Día das Artes Galegas nos Luns do Ateneo

Este luns Os Luns do Ateneo acollerán ao profesor da USC, Miguel Taín Guzmán, que impartirá unha conferencia titulada «Domingo de Andrade, mestre de obras da Catedral de Santiago de Compostela», con motivo do Día das Artes Galegas, que se conmemorou o pasado 1 de abril e que non puido celebrarse por mor da pandemia.

Compartir

Debido ás restricións sanitarias vixentes, a esta conferencia só se poderá asistir, a partir das 20h, por medio da plataforma Zoom e da páxina web www.ateneodesantiago.com, así como das redes sociais do Ateneo, Youtube (Ateneo de Santiago), Facebook (Ateneo Santiago) e Twitter (@AteneoSantiago). O coloquio posterior, habitual nos actos da entidade, realizarase exclusivamente a través de Zoom.

O Día das Artes Galegas é unha celebración que se leva a cabo dende o ano 2015, instituída pola Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Despois de seren homenaxeadas importantes figuras artísticas como o Mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo ou Luís Seoane, este ano 2020 é a quenda de Domingo de Andrade, arquitecto galego de proxección universal, Aparellador Maior da Catedral de Santiago en 1676 e que foi nomeado mestre de obras desta. Unha das súas obras mestras é a Torre da Berenguela onde se atopa o reloxo da Catedral.

Miguel Taín Guzmán é investigador e profesor da USC e leva toda a vida estudando o patrimonio da cidade de Santiago. Comezou o doutoramento en Francia e, ao seu regreso a Galicia, empezou a traballar no Arquivo da Catedral, momento no que realizou, baseándose en toda a documentación que alí atopou, a súa tese de doutoramento sobre Domingo de Andrade, a cal lle levou 10 anos de investigación.

Ver en Galicia Diario