Hemeroteca
Clausura do Ateneo Barroco 2020 cun dobre concerto de pezas de Rameau
- Compartir
Este sábado, o Festival Ateneo Barroco 2020, organizado polo Ateneo de Santiago co patrocinio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña e a colaboración da Universidade de Santiago e o Concello de Santiago, chega á súa fin marcado polas novas restricións sanitarias impostas dende este xoves na cidade de Santiago.
Así, coas entradas todas vendidas para as 20h e ao implantarse a limitación dos aforos a 30 persoas, a entidade decidiu distribuír a unha parte dos asistentes para un novo pase do concerto “Rameau, mestre do barroco francés” do grupo Ímpetus, que se realizará ás 21.30h no mesmo Teatro Principal de Santiago de Compostela, co obxectivo de que ninguén tivera que renunciar ao recital en directo.
O ensemble madrileño Ímpetus que dirixe Yago Mahúgo, un dos mellores representantes da nova xeración de grupos españois de música antiga, dedica este concerto dobre á música de cámara e para clavecín do gran mestre do Barroco francés, Jean-Philippe Rameau, figura central do festival Ateneo Barroco 2020. Rameu foi un dos personaxes máis influentes no Barroco musical en Europa; compositor, clavecinista e teórico, referencia absoluta da ópera barroca francesa, aparece no programa do festival visto dende a dobre perspectiva de operista e de virtuoso e mestre compositor para o teclado, faciana que amosan á perfección as marabillosas Pièces de Clavecin en Concert sobre as que xira o programa do concerto de Ímpetus.
Ao igual que se fixo en todos os actos anteriores, xusto antes de comezar cada pase e co público xa acomodado, o director Yago Mahúgo fará unha breve introdución didáctica co fin de preparar ao público para unha posterior audición máis enriquecedora, baixo o título “Rameau en trío, a música de cámara”.