Hemeroteca

O Ateneo de Santiago homenaxea a Concepción Arenal

Compartir





SANTIAGO DE COMPOSTELA | O próximo luns, o Ateneo de Santiago e a USC, coa colaboración do Concello de Santiago e a Xunta de Galicia, organizan unha nova conferencia do ciclo Os Luns do Ateneo titulada 'Concepción Arenal, unha mística da virtude?', que estará impartida por Anna Caballé, Profesora Titular de Literatura Española da Universidade de Barcelona.





No acto, que terá lugar como todos os luns ás 20.00h na Rúa do Vilar, 19, lembrarase a importancia que tivo Concepción Arenal como escritora, como pensadora e como unha das primeiras feministas. A ferrolá foi unha das mulleres máis influentes do século XIX e dedicou a súa vida á defensa dos dereitos da muller, á reforma penal e á causa obreira. Tratarase tamén a súa biografía, dende a súa xuventude, na que destaca por ser nerviosa e sensible, ata a súa madurez como escritora e intelectual.





Anna Caballé, escritora, crítica literaria e Profesora Titular de Literatura Española da Universidade de Barcelona, recibiu o pasado ano 2019 o Premio Nacional de Historia de España pola súa obra Concepción Arenal. La caminante y su sombra. Ademais, tamén é Presidenta da asociación sobre xénero e cultura, 'Clásicas y modernas' dende 2017.





Esta conferencia será o punto de partida dun conxunto de actividades no Ateneo de Santiago centradas na figura de Concepción Arenal para conmemorar o bicentenario do seu nacemento, as cales se irán dando a coñecer nos vindeiros días.





Ver en Galicia Diario