Hemeroteca

Darío Villanueva falará de Rodríguez Cadarso nos Luns do Ateneo

Compartir





SANTIAGO DE COMPOSTELA | O próximo luns, Darío Villanueva, Catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada e ex-Reitor da USC, impartirá unha conferencia sobre a figura de Rodríguez Cadarso, Reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1931 e 1933, ano do seu pasamento. O acto, que terá lugar como todos os luns ás 20.00 horas na Rúa do Vilar, 19, estará presentado polo tamén ex-Reitor Juan Casares, Catedrático de Enxeñaría Química da USC.





Villanueva achegaranos á figura de Alejandro Rodríguez Cadarso, médico e político de Noia, que exerceu como reitor da Universidade compostelá na Segunda República. Durante o seu mandato inauguráronse as residencias universitarias, das cales unha leva o seu nome. Foi ademais fundador do Instituto de Estudos Portugueses e Deputado das Cortes pola ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma), caracterizándose polo seu apoio á autonomía galega. O seu temperán falecemento en accidente de tráfico truncou o seu ingreso na Real Academia Galega, para o que estaba preparando o discurso.





O conferenciante, Darío Villanueva, licenciado en filoloxía románica pola USC e doutor en filoloxía hispánica pola Universidade Autónoma de Madrid, foi Decano da Facultade de Filoloxía compostelá, Doutor Honoris Causa por doce universidades de numerosos países e Reitor da USC entre 1994 e 2002. Ademais, entre 2014 e 2018 foi director da Real Academia Española e é Presidente nato da Asociación de Academias da Lingua Española. Ler máis





Ver en Galicia Diario