Hemeroteca

USC e Ateneo presentan a edición facsimilar das obras 'La mujer del porvenir' e 'La mujer en su casa' de Concepción Arenal

Compartir

A profesora Carmen Blanco, en primeiro termo, redactou o prólogo da obra. FOTO: Santi Alvite




A profesora da USC na Facultade de Humanidades Carmen Blanco é a prologuista da obra





Xoves, 13 de febreiro de 2020 | Santiago de Compostela





A presentación da edición facsimilar das obras La mujer del porvenir
e La mujer de su casa de Concepción Arenal reuniu este mércores á
profesora da USC na Facultade de Humanidades, Carmen Blanco, prologuista da
obra, e á produtora Zara Ceballos, quen presentou o seu documental inédito
sobre a autora ferrolá nun acto celebrado na sede de Afundación en
Compostela. 





La mujer del porvenir e La mujer de su casa son dous
textos de Concepción Arenal referentes do feminismo da época. O primeiro é un
ensaio sobre a independencia da muller e o seu futuro na sociedade moderna,
tratando a súa marxinación e achegando solucións e medidas para rematar coa
situación. Por outra banda, La mujer de su casa analiza os problemas aos que se
enfronta a muller en España para ser tratada con dignidade. 





Con estas obras, entre moitas outras, Concepción Arenal dedica unha parte
importante da súa vida a reivindicar situacións marxinais, neste caso, o papel
da muller no século XIX, converténdoa nunha pioneira no pensamento feminista.
Ao acto tamén asistiron o reitor Antonio López e a vicerreitora de Comunicación
Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. A publicación impulsada pola USC e o Ateneo
compostelá é unha das iniciativas que a Universidade contempla dentro do
programa de actividades do Ano Concepción Arenal. 





Actividades ao longo de 2020





A Universidade traballa no desenvolvemento de diferentes iniciativas para
homenaxear a esta escritora ao longo de 2020, entre as que destaca unha
exposición no Colexio de Fonseca, programada para o mes de setembro baixo o
título ‘Concepción Arenal. A conciencia da razón’. O obxecto da mostra é
achegar ao público a figura da escritura nas súas diferentes facetas e
contextualizala na súa época. Permanecerá aberta ao público no Salón de Graos e
na capela gótica do Colexio de Fonseca ata outubro. A profesora da USC, María
Paz García Rubio, e o director da Biblioteca Concepción Arenal, José Francisco
Méndez García, serán os comisarios da mostra, da que tamén formarán parte como
equipo técnico María Alén e Ramón Pinal. Ademais do material expositivo
exhibido, está previsto o desenvolvemento dun programa educativo en
colaboración co Concello de Ferrol en forma de unidades didácticas para
centros.





A celebración dun congreso internacional no mes de outubro, partindo da
figura de Concepción Arenal, pretende levar a cabo unha reflexión sobre as súas
facetas máis destacadas tecendo lazos cara ao presente. Outro dos elementos
deste bicentenario será a expresión artística materializada nun ciclo de
concertos, en cuxa concepción e desenvolvemento colabora o grupo de
investigación Organistrum. O criterio na selección do repertorio estará guiado
pola súa relación con Concepción Arenal desde diferentes ángulos: compositores
do Rexurdimento que formaban parte dos salóns habituais da época como o moi
coñecido de Emilia Pardo Bazán ou obras do violinista Jesús de Monasterio,
amigo íntimo da autora, e do seu alumno Andrés Gaos. Dada a importancia dentro
do feminismo de Concepción Arenal, farase especial fincapé en incorporar
compositoras e intérpretes mulleres.





A Universidade publicará dentro da colección Clásicos do Pensamento Universal, colección coeditada coa Fundación BBVA, a tradución ao galego da obra El visitador del preso. Baixo a asesoría do departamento de Historia da Arte estase a traballar no deseño dunha intervención escultórica a modo de vitor. Ademais, impulsarase o premio ‘Concepción Arenal’ en Ciencias Sociais e Xurídicas e Humanidades. Un ciclo de conferencias a celebrar ao longo do ano por especialistas na figura da escritora en colaboración con foros cidadás; así como a colaboración con Institucións Penitenciarias para a difusión do pensamento de Concepción Arenal nos cárceres; e algunha intervención do eido teatral completan o programa de actividades.





Ao acto tamén asistiron o reitor Antonio López e a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. FOTO: Santi Alvite




Ver en Xornal USC