Encontro cos Premios da Crítica 2025, Fernando Castro e Lorena Souto

Data
Martes, 16 de xuño de 2026
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O martes, 16 de xuño, ás 19.30h na Rúa do Vilar, 19, terá lugar un encontro cos autores galardoados cos Premios da Crítica 2025, en lingua galega, na modalidade de narrativa e poesía, organizado pola Asociación Galega da Crítica (AGC) coa colaboración do Ateneo de Santiago.

Estes premios concédeos a Asociación Española de Críticos Literarios dende 1956 e outórganse aos mellores libros de narrativa e poesía publicados no ano anterior, tanto en castelán como en galego, euskera e catalán. A proposta da Asociación Galega da Crítica, este ano o fallo recaeu no poemario Exuvia e saliva de Lorena Souto e na novela O lanzador de coitelos de Fernando Castro.

No acto, onde tamén se dará a coñecer o/a gañador/a do I Premio de Ensaio da AGC, participarán os autores galardoados, Fernando Castro Paredes e Lorena Souto, a escritora Marilar Aleixandre, a Filóloga Dolores Vilavedra, a Xornalista Tensi Gesteira e as Directivas da Asociación Galega da Crítica e do Ateneo de Santiago, respectivamente, Inma Otero e Pilar Sampedro.

EXUVIA E SALIVA DE LORENA SOUTO
Os poemas de Exuvia e saliva colocan unha ollada de microscopio sobre o contexto rural, fixada no detalle a nas estruturas internas, que foxe de idealizacións para formular preguntas abertas e procurar unha comprensión íntima da experiencia vital nesa realidade. O libro xorde como unha ampliación de Coleópteros, desenvolvendo máis en profundidade os temas que xa aparecían na obra anterior: a linguaxe e o silencio, os rituais e o alimento, a natureza, a idea de pertenza...
Lorena Souto (O Páramo, 1983) é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e realizou a súa tese de doutoramento na Universidade de Bangor (País de Gales), onde tamén traballou como lectora de galego e de castelán. O seu primeiro libro titulado Fase de trema (Espiral maior, 2012) foi galardoado co Premio Xosé María Pérez Parallé para voces inéditas e coa colección de poemas Coleópteros (Chan da pólvora, 2018) recibiu o Premio Manuel Leiras Pulpeiro. A súa obra recóllese en publicacións colectivas e antoloxías como 150 Cantares para Rosalía de Castro (Consello da Cultura, 2015), Onda poética (Positivas, 2018), Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero) (Chan da pólvora, 2022) ou a editada en finés Villielämää (Parkko, 2022). Baixo as ás protectoras de Inanna recolle o seu traballo de tradución froito do X Obradoiro internacional de tradución poética en San Simón “Con barqueira e remador”, levado a cabo en 2022. Alén disto, formou parte do consello de redacción da revista literaria Dorna (2007-2014), do obradoiro de escrita creativa Tecedeiras e do grupo poético-musical Aderyn, que en 2019 lanzou o álbum Fractura. Relacionado co seu labor investigador publicou o ensaio Aínda invisíbeis? Narradoras e margens na literatura galega contemporânea (Através, 2022). Actualmente traballa como profesora de galego na Escola Oficial de Idiomas.

O LANZADOR DE COITELOS DE FERNANDO CASTRO PAREDES
Un sicario é contratado para raptar unha figura prominente das letras, un poeta húngaro emigrado a París. A operación terá un xiro inesperado e ambos os dous protagonistas acabarán confrontados co seu pasado. Con esta premisa arrinca O lanzador de coitelos, unha novela que parte dos códigos do thriller máis clásico para transcender o xénero cunha estrutura sofisticada e sedutora. A trama permitirá expoñer con eficacia un mundo de personaxes de identidades duplicadas e antagónicas. Unha obra que fala sobre a liberdade e a memoria, sobre o fracaso e a corrupción humanas e, tamén, sobre esa busca que emprendemos para descubrir quen verdadeiramente somos: vítimas ou verdugos.
Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) exerce como profesor de Ensino Secundario. Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo coordinador da agrupación escolar Tuéjele Teatro, do IES Fernando Blanco, de Cee, e membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades pola xeografía galega. Cultiva todos os xéneros literarios, especialmente o teatro. Como dramaturgo, formouse nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral e recibiu recoñecementos como os premios Rafael Dieste, Álvaro Cunqueiro e Roberto Vidal Bolaño, entre outros. Algunhas das súas obras son A derradeira bala (Galaxia, 2018), Pallaso (2020), Sincronizadas (2020), Ofelia ou o cabeiro da cóbrega (2020) e Papiroflexia (Galaxia, 2021). Como novelista, é autor de Miss Antropía (Galaxia, 2023) e Entomoloxía para misioneiros (Galaxia, 2023, Premio García Barros).

Próximos eventos Ver axenda