Faladoiro «Solidariedade na sociedade actual: Movemento pola Paz»
- Data
- Mércores, 10 de xuño de 2026
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O mércores, 10 de xuño, ás 19.30 horas o Ateneo de Santiago ten programado no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo (Praza de Salvador Parga, 4-2º) un Faladoiro titulado «Solidariedade na sociedade actual: Movemento pola Paz», que contará coa participación de Susana Fernández Díaz, Delegada en Galicia de Movemento pola Paz, e Aarón Mayo Araújo, Coordinador técnico do programa de Protección Internacional.
Este faladoiro xorde da colaboración establecida entre o grupo de traballo Ateneo Solidario coa ONG Movemento pola Paz (MPDL), por ser o seu traballo en pro da dedicación e entrega de persoas voluntarias, socios e socias, que participan no desenvolvemento de proxectos dirixidos a axudar na construción da paz, un tema importante e de interese xeral para os socios do Ateneo e para a cidadanía de Santiago.
No faladoiro farase unha exposición xeral das persoas que compoñen MPDL e as liñas de acción que están desenvolvendo para axudar a satisfacer as necesidades dos seus plans de acción, para finalizar cun tempo para recibir comentarios ou preguntas sobre o exposto ou sobre temas que preocupan arredor desta temática.
Movemento pola Paz é, a nivel nacional, unha ONG independente, laica e progresista, que dende 1983 traballa polo pleno cumprimento dos Dereitos Humanos, a gobernabilidade democrática, a igualdade e a solidariedade entre as persoas e os pobos. En Galicia desenvolve o seu traballo na área de migracións e refuxio, prevención e atención á violencia de xénero e educación en valores en centros educativos con accións de sensibilización social. En Santiago contan cun equipo de máis de 30 traballadores/as e 25 voluntarios, que colaboran en actividades coas persoas usuarias dos programas, sempre dende o compromiso social e a visión compartida de valores de solidariedade e defensa da xustiza social.