Visita a INTECMAR e Cortegada
- Data
- Xoves, 18 de xuño de 2026
- Máis información
Unicamente se rexistrarán as inscricións a través do enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal (non se rexistrará ningunha inscrición por teléfono, whatsapp ou outros medios que non sexa o indicado). A data límite para anotarse é o xoves, 28 de maio, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude.
O xoves, 18 de xuño, o Ateneo de Santiago realizará unha visita ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR) e Cortegada, co seguinte programa:
8.45h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago con destino a Vilaxoán
9.30h. Chegada e café
10.00h. Visita ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR)
Creado no ano 1992 e situado no peirao de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), o seu principal cometido é dar cumprimento á lexislación vixente en materia de calidade da produción de moluscos e outros organismos mariños e contribuír a protexer e mellorar a calidade do medio mariño. A súa actividade céntrase en facer o seguimento, o control e a investigación da calidade ambiental das augas costeiras de Galicia, especialmente no que se refire ás condicións oceanográficas, fitoplancto, biotoxinas mariñas, contaminación química (metais pesados, compostos organoclorados e hidrocarburos) microbioloxía e patoloxía, tendo na actualidade 58 estacións de mostraxe espalladas polas rías galegas para o control das condicións oceanográficas e do fitoplancto, 60 puntos fixos para a contaminación química por compostos organoclorados, 80 para o control de hidrocarburos (24 deles en bateas) e 180 de microbioloxía (43 deles en bateas). Tamén posúe 6 estacións automáticas repartidas polo litoral galego que controlan en tempo real as variables oceanográficas.
12.30h. Visita á Igrexa de San Martiño de Sobrán (Vilaxoán)
A Igrexa de San Martiño de Sobrán é unha das máis belas manifestacións da arte románica de Galicia e de España. Destaca a amplitude da súa única nave, que se divide en tres compartimentos por medio dos seus correspondentes arcos transversais, os cales, á súa vez, sosteñen unha espléndida bóveda semicircular. Os seus grosos muros vense interrompidos por uns vans con abertura en forma de seteira, arco de medio punto, arquivoltas e unha coidada ornamentación dos capiteis. Chama a atención a decoración xeométrica que contorna as xanelas e que referendan o influxo da Catedral de Santiago e das peregrinacións. Tamén destaca a ábsida polos canzorros (pequenas pezas esculpidas que sosteñen a cornixa) nos que o artista daba renda solta á súa imaxinación.

14.00h. Xantar
16.30h. Visita á Illa de Cortegada
Partindo dende Vilagarcía en barco, na visita, de dúas horas de duración, explicarase o ecosistema do Parque Nacional das Illas Atlánticas e a historia da antiga poboación que habitou Cortegada. O percorrido inclúe o descubrimento do bosque de laureis máis grande de Europa, un espazo de extraordinario valor natural, ademais de traballar valores de conservación e respecto por unha contorna de gran fraxilidade, combinando natureza, historia e cultura.
19.00h. Regreso á Rúa da Rosa de Santiago.
O prezo da viaxe é de 70€ por persoa, incluíndo autobús, barco, xantar e visitas. As persoas que non sexan socias do Ateneo deberán pagar un suplemento de 20€. As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o xoves, 28 de maio, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude. No caso de inscribirse máis persoas que prazas dispoñibles, as admisións realizaranse mediante un sorteo, que se levará a cabo o luns, 1 de xuño, ás 12h no local social do Ateneo, tendo preferencia de admisión os/as ateneístas.
