Conferencia «Reivindicando a Valentín Lamas Carvajal, no 150 aniversario d'O Tío Marcos da Portela» de Afonso Vázquez-Monxardín
- Data
- Luns, 8 de xuño de 2026
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Esta conferencia transmitirase en directo a través da páxina web do Ateneo www.ateneodesantiago.gal e a canle de Youtube Ateneo de Santiago
O luns, 8 de xuño, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia para conmemorar o 120 aniversario do falecemento de Valentín Lamas Carvajal, titulada «Reivindicando a Valentín Lamas Carvajal, no 150 aniversario d'O Tío Marcos da Portela», que estará impartida por Afonso Vázquez-Monxardín, Catedrático de lingua e literatura galegas e Académico Correspondente da RAG.
Afonso Vázquez-Monxardín Fernández (Ourense, 1960) móvese entre o mundo da historia (estudou na USC as especialidades de Prehistoria e Arqueoloxía, Xeografía e Historia de Galicia e Arquivística e Biblioteconomía, e é membro do Grupo Marcelo Macía de colaboradores do Museo Arqueolóxico de Ourense), e a lingua e literatura galega, onde desenvolveu a súa carreira profesional como Catedrático desta materia no ensino medio, ao tempo que impartiu cursos en Arxentina, Chile e Brasil, coñecendo ben aquelas colectividades hai uns 40 anos. Comprometido coa cultura participou no impulso ao Clube Alexandre Bóveda de Ourene nos anos noventa e na posta en marcha do Arquivo Sonoro de Galicia no seo do Consello da Cultura Galega. Colaborador en prensa, pasou por varias cabeceiras (La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Galicia Hoxe...) e dende hai vinte anos colabora todas as semanas en La Región de Ourense. Levou os premios de xornalismo Aurelio Carracedo da Deputación de Ourense (2009), Carlos Casares do Concello de Xinzo (2017) e Bernardo Cachamuíña da Subdelegación de Defensa de Ourense (2024). Publicou numerosos artigos en revistas sobre temas culturais e editou algúns libriños sobre personaxes como Afonso X, Xoaquín Lorenzo, Otero Pedrayo, Silvio Santiago, etc. Comisariou exposicións como «Galicia de Nós a nós» (2020) -xunto con Ana Acuña-, a adaptación ourensá da de Afonso X e Galicia do Consello da Cultura Galega (2021) ou a da Historia do Rexemento Zamora 8 e a historia militar en Ourense (2024). En relación con Valentín Lamas Carvajal, recuperou unha das súas primeiras obras El Cancionario del Miño, que prologou e editou en facsímile en 2022 na Deputación de Ourense; elaborou a entrada "Valentín Lamas Carvajal, o cuarto pé do rexurdimento" para a web Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega; e promoveu o roteiro de homenaxe no 150 aniversario da saída á rúa d'O Tío Marcos da Portela do 6 de febreiro, pola cidade de Ourense. É Académico Correspondente da Real Academia Galega.