Presentación da banda deseñada «A morte nas fragas» e do documentario «Os fíos da memoria»

Data
Mércores, 11 de marzo de 2026
Horario
19.00h
Lugar
Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O mércores, 11 de marzo, ás 19.00h, o Ateneo de Santiago ten programado no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo (Praza de Salvador Parga, 4-2º), un acto sobre memoria histórica democrática, no que se presentará a banda deseñada «A morte nas fragas» e o documentario «Os fíos da memoria». No acto participarán:
          Anxos García Fonte, guionista de «A morte nas fragas»
          Carlos Sardiña, debuxante de «A morte nas fragas»
          Henrique Sanfiz, Licenciado en Xeografia e Historia pola USC
          Xosé Ramón Pousa, Directivo do Ateneo de Santiago

A MORTE NAS FRAGAS
Con guión de Anxos García Fonte e debuxos de Carlos Sardiña, é unha novela gráfica que narra a historia de violencia e resistencia na Galicia rural entre 1936 e finais da década de 1950. A obra artéllase a través de varias historias humanas entrelazadas, baseadas en relatos de transmisión oral , que amosan o impacto da represión fascista na vida cotiá do pobo. A narración adopta unha perspectiva múltiple, dando voz a nenos, mulleres e persoas perseguidas polo réxime. Un trazo distintivo da obra é a mestura da realidade histórica coa mitoloxía tradicional galega; os seres do submundo (“a mourindade”) interactúan cos personaxes e asisten á decadencia da súa cultura ancestral fronte á explotación capitalista dos recursos naturais. O relato ten o seu corazón xeográfico nas Fragas do Eume. Visualmente, é un traballo onde as imaxes a miúdo superan ás palabras, e os escasos diálogos reflicten fielmente as fontes orais que o inspiraron. A novela preséntase como un mosaico que reflicte a destrución da Galicia tradicional: as súas crenzas, a vida comunitaria e a lingua. É un retrato da traizón e o desastre ecolóxico, mais tamén unha lección de resistencia e un canto de esperanza.

OS FÍOS DA MEMORIA
Producida por Son Radiofusión e realizada por Xarda Producións, esta curtametraxe (27 minutos) narra a investigación de Constantino Rico, un cidadán francés de orixe galega, para desvelar o misterio que sempre envolveu a historia do seu avó, Pedro Rico Rodeiro, e Teresa López para coñecer as circunstancias do seu tío Constantino López Marcos. A súa busca en arquivos e cemiterios acaba dando froitos grazas a unha testemuña atopada a través dun podcast, desvelando a crúa realidade da Guerra Civil e a posguerra na súa familia.

Anxos García Fonte, Doutora en Filoloxía galego-portuguesa, traballou como xornalista cultural e crítica literaria en diversos medios como Xornal de Galicia, Sermos Galicia, Radio Fene ou o Consello da Cultura Galega. En 2022 estreou a curtametraxe A rosa incandescente, da que é guionista e produtora.

Carlos Sardiña, formado como deseñador gráfico e ilustrador, é o fundador da web de ilustracións personalizadas telodibujamos.com. É colaborador asiduo da editorial Son Radiofusión, ilustrando libros como Galicia acorda, Bóveda ou María Casares, eu son o océano.

Henrique Sanfiz dirixe dende 1985 Radio Fene, emisora municipal do Concello de Fene, e coordina Radiofusión, a programación conxunta que se realiza dende Fene para as Emisoras Municipais Galegas. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (1985), participou na fundación da asociación Emisoras Municipais Galegas e ocupa dende 1989 a secretaría desta entidade. Presentou ponencias en numerosos encontros e xornadas sobre a comunicación local e é autor de varios libros e comunicacións.

Próximos eventos Ver axenda